Sweet Place, un paraíso cupcake na Coruña

Piña colada cupcakes 007 copiaUnha tenda adicada de forma principal aos cupcakes? Iso é o que se pode atopar en Sweet Place, na Coruña. “Montamos a tenda cando levaba moito tempo parada e sen prestación”, explícanos Isabel, a súa cofundadora xunto con Pablo, “e precisaba atopar unha saída á miña situación”. Levaban algún tempo pensando en montar un negocio e, como cada día lle adicaban máis tempo a facer cupcakes, botaron de contas que A Coruña precisaba un lugar adicado sobre todo a este tipo de pastelería.

Cada día, en Sweet Place fan a súa fornada de cupcakes. “É todo artesanal”, dinos Isabel, “100%. Cada día amasamos, enfornamos e decoramos os cupcakes; sempre sempre, feitos no día”. Ademais, empregan ingredientes naturais, a pesar de que no mundo do cupcake, como nos indica Isabel, pódese botar man de elementos artificiais como preparados en po ou aromas artificiais. “Nós sempre optamos por produto fresco”, apunta. “Traballamos con plátano de Canarias para os nosos cupcakes de chocolate e plátano ou con café expresso recén tirado pola nosa veciña do local de Aruba’s Coffee para os cupcakes de tiramisú”, ponnos como exemplo.

O resultado, a xulgar polos comentarios en redes sociais e polo cupcake que puido probar esta redactora (e que era un dos poucos que aínda quedaban a iso das sete da tarde!), é francamente bo. A textura é suave, o sabor é delicioso e o acabado é realmente unha cupcake (e non unha magdalena tuneada, que é o que ofrecen moitas veces e que non son exactamente o mesmo). Os días nos que non teñen encargos, en Sweet Place fan unhas 60 a 70 cupcakes, que poden subir (moito) cando teñen pedidos ou cando son días especiais, como Halloween ou o Día da Nai. Entón poden saír unhas 300 a 400 cupcakes e Isabel e Pablo comezan a enfornar na madrugada para telas frescas e a punto cando abren a primeira hora da mañá.

700Banoffee, café, marbled y chips ahoy 002

A variedade de sabores é moi ampla (e amplían cada semana co cupcake ‘impuro’, que votan os seus fans en Facebook e que só está dispoñible o día que lle corresponde!) e a resposta dos coruñeses moi boa. “Levamos abertos case dous anos e a verdade é que cando abrimos eramos a primeira tenda que ofrecía unha variedade diaria de cupcakes na Coruña e que servía sabores como red velvet ou blueberry”, dinos. “A aceptación foi moi boa, ao ser os primeiros e estar naquel momento en pleno boom. Aínda que tamén é verdade que unha gran maioría descoñecía o produto e pensaba que eran simples magdalenas decoradas”.

Pero non todo son cupcakes en Sweet Place (aínda que elas soíñas xa fagan interesante unha excursión á Coruña para os que non somos da cidade), senón que tamén hai galletas decoradas, tortas e brownies, o outro gran produto estrela de Sweet Place. Tamén fan mesas doces baixo encargo para eventos, que poden ser personalizadas a gusto do comprador.

Sweet Place está en Federico Tapia, 59-61, A Coruña

Fotos | Sweet Place

Shares

1 comentario

  • Maria di:

    Todo riquísimo e a atención espectacular! Se eres larpeiro ou larpeira coma min dende logo é un dos lugares obrigados en Coruña!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *