Por fin, por fin. A primavera, o sol, o cambio de hora, a luz á fin do túnel… e os festivais! En inverno pechamos esta sección non por falta de propostas, que sempre hai, senón por esa especie hibernación na que entramos. O que queremos é quedar na casa ben tapados cunha mantiña libro en man ou peli/serie en pantalla. En abril somos conscientes de que aínda vai frío e de que o verán podería estar lonxe (lembrades aquel que case non chega? que angustia), pero algo no noso interior di que temos que intentalo, que é hora de volver a saír da casa. E tendo en conta que moitos festivais son ás veces unha escusa para viaxar… por que non lanzarse a eles? Como facemos desde hai case catro anos (seguimos a ter idade para ir de festival?), aquí van tres propostas. Unha na casa, outra no resto de España e a última nalgún lugar do mundo.
– En Galicia. Lapso Music Experience. Santiago de Compostela, 30 de abril. Calade, malditos, isto é un festival e non un concerto de The National con dous teloneiros. Sabedes o bo deste tipo de festivais? Que só teñen un escenario e que non obrigan a recorrer grandes distancias ou a facer complicados horarios para ver todo o que queremos ver. O Lapso Music Experience é novo, pero xa dos nosos favoritos porque, xa sabedes, The National. The National! Pero non cometades o erro de ir só á noite a ver aos de Matt Berninger (teño unha boa anécdota sobre este señor no Sziget en Budapest, cando un dos xemelgos picouno dicíndolle que non sabía en que país estaba, el dixo “non é certo, estamos en… Europa!”), os portugueses The Gift son tamén xeniais e despois están os da casa Best Boy, que seguro que vos sorprenden. As entradas, a 30 euros.
– En España. Enofestival. Madrid, 15 de abril. Son un “festival de música e cultura do viño”, razón suficiente para viaxar á capital sen que importe moito o cartel. Pero o certo é que este tampouco está nada mal, cheo de produto nacional. Só por ver a Pablo und Destruktion estaría moi ben ir, pero están tamén Ellos, Tulsa, Airbag, Alex Casanova, Puma Pumku e The Winemakers, co nome perfecto para tocar aí. As entradas están a 27 euros.
– No estranxeiro. Caprices Festival. Crans-Montana (Suíza), do 9 ao 12 de abril. Un festival nun resort de esquí tampouco soa mal de todo, non? Só tes que coller aire durante uns días para evitar mirar os prezos das cousas, porque estarás en Suíza, e finxir que es alguén con cartos, que esquía de día e vai a concertos de noite, e que esa é a túa vida. No cartel, moito tecno e electrónica: Stress, C2C, Ayo, Deep Dish, Solomun, etc. As entradas están a 180 euros.