Á industria musical parécelle xenial todo iso de que se o vinilo soa mellor ou máis cálido ou que as casetes son o que mola de verdad, pero tamén sabe que por aí non hai cartos. Por moito que cada vez máis xente merque discos de vinilo e que as edicións en casete se esgoten, os hipsters que facedes isto sodes e seredes sempre unha pequena minoría. Xente con cartos, si, pero moi pouca. Ademais tedes esa absurda querencia pola segunda man. A industria segue a loitar contra Internet no canto de unirse a el, e cre que atopou a solución. Se agora está todo o mundo mercando pantallas cunha resolución tan boa que o ollo humano non se decata, por que non facer o mesmo coa música.
Pono é a solución e o seu gran impulsor un deses músicos aos que seguro que escoitas en vinilo: Neil Young. Sabede, amigos, que o señor Young di que o revival do vinilo dos últimos anos non é máis ca unha moda, unha declaración de estilo, e que os que falan de calidade de son teñen ou moi mal oído, ou están a enganarse a si mesmos (non, non dixo isto exactamente, pero é o que pensa). O que si dixo é que todos os que falan de autenticidade ao mercar as versións vinilo están a ser enganados pola industria, xa que non saben que en realidade están a escoitar “masters de CD en vinilo, porque as compañías de discos saben que agora a xente quere vinilo”. E os masters de CD só se fan en dixital.
Que é Pono, entón, ademais dun nome raro? Por unha banda, é un reprodutor portátil de música, é dicir, o Walkman do século XXI, que se caracteriza pola alta resolución dos arquivos de audio. De onde sacar estes arquivos en plena era da compresión mp3? Do servizo de descarga de Pono Music, por suposto! A diferencia de resolución de audio é ben considerable, como mostra o gráfico, e Neil Young di que mantén a calidez do orixinal (amantes do vinilo, iso vai por vós), aínda que aparece un novo reto: os arquivos pesan moito, polo que necesitan moitos xigas de almacenamento.
Pero hai un problema máis profundo. Pese ao éxito que tiveron en Kickstarter (porque si, Neil Young financiouno por crowdfunding), as primeiras reviews e probas entre usuarios chegan a unha conclusión que podería ser fatal para Pono: o reprodutor e os altofaltantes ou cascos polos que oímos o esa música Full-HD poderán estar á altura técnicamente e emitir precisamente ese son buscado, tan parecido ao real. Pero o noso receptor de audio, os micrófonos humanos (é dicir, os oídos) son algo máis básicos e non moita xente é quen de escoitar a diferencia.
En Yahoo! Tech, por exemplo, fixeron unha proba moi científica cunha mostra de 15 persoas, ás que se deu a escoitar a mesma canción co Pono e cun iPhone, sen dicir cal era cal. A maioría non notaron diferencia na calidade de son e os que si a notaron, dixeron que era o iPhone o que soaba mellor. Neil Young, en cambio, di que dos 100 músicos profesionais aos que deu a probar o seu dispositivo, todos dixeron que soaba mellor. O truco está en que fixo a proba con Pono e mp3 de baixa resolución. Como se comparas unha pantalla FullHD cunha imaxe pixelada.
O prezo do aparatiño non axuda. Se ben despois os albums e cancións individuais están á venda a un prezo competitivo, similar ao de iTunes, o Pono Player custa 399 dólares (350 euros) e só reproduce música. Nunha era na que todo o mundo foi substituíndo o seu reprodutor de mp3 polo smartphone, esa inversión parece pouco probable. E non esquezamos que agora mesmo o iPod máis caro, o iPod Touch de 64 GB, está a 299 euros.
A única saída para Neil Young e Pono Music é seguir a senda do revival dos vinilos. Se conseguen converterse en algo cool, en algo que a xente diga que soa mellor aínda que non sexa certo (polo menos nos seus oídos), en algo que sexa “unha declaración de estilo”, terán unha oportunidade. Claro que sen portadas grandes e bonitas coas que encher as estanterías quizais non o logren nunca.