Cosmética, DIY, calzóns: 10 caixas de subscrición para recibir na casa

crealoo

Non é a primeira vez que vos falamos por aquí das caixas de subscrición, eses packs sorpresa que recibes na casa cada mes cunha mostra de produtos de todo tipo. Ata agora centráramos nas caixas máis habituais, as de cosmética, pero o certo é que esta nova moda que vive agora mesmo un gran boom vai moito máis alá. Entra no mundo das caixas de subscrición e non sairás nunca. Pensa en calquera cousa e atoparás unha empresa disposta a enviarche a caixa a casa.

Si, sabémolo, de súpeto necesitas recibir unha caixiña sorpresa por correo todos os meses. Gastar cartos! Gastar cartos! Non tes moi claro canta elección tes? Aquí vai unha selección de caixas de subscrición de todo tipo e condición:

1. Glossybox. Desta xa vos falamos nunha ocasión, cando a probamos. Hai moitísimas caixas de beleza (Joliebox, Boxprivee…) pero esta é a que sen dúbida está a ter máis éxito en España. Teñen varias opcións, a Beauty Box clásica, a especial para home, a de Young Beauty e unha para bebés. Os prezos, entre os 10,95 euros (a de Young Beauty) e os 24,90 (a de bebé, pero esta só se recibe unha vez).

2. Teterum. Unha caixa para amantes do té: cada mes recibirás un Pack de té sorpresa, escollido ademais tendo en conta a época do ano. A caixa pode custar 10 ou 15 euros (depende da cantidade de té que queiras) e prometen incluír cada mes un tipo de infusión diferente.

3. Birrabox. Pasas do té e o que realmente queres e beber cervexa? Esta é a túa caixa, pero ten en conta que é máis gourmet e degustación: non, non recibes unha caixa con cervexas para un mes, senón tres cervexas variadas e con denominación de orixe (por exemplo, en xuño hai un especial cervexas alemanas, cunha Hannen Alt, Früh Kölsch e Jever Pilsener). 14,99 euros.

4. Enolobox. Para os máis sibaritas, os entendidos en viño: cada mes, unha caixa con tres botellas de caldos tamén con denominación de orixe e logrando, din, un mínimo dun 30% de desconto. Porque cada caixa son 21 euros, cando o prezo de mercado anda entre os 30 e os 40 euros.

5. SaborPlace. Non só de té, cervexa e viño podemos vivir (hai quen o ten intentado), tamén hai que comer algo sólido. Es deses que din que comerían máis san se non fose pola preguiza que lles dá ter que mercar produtos frescos a cada pouco? Agora xa non hai escusa: en SaborPlace tes moitas opcións para escoller. Unha cesta mensual de froita e verduras, producida por Huerta Gallega en A Coruña, custa uns 30 euros.

6. Crealoo. Para os amantes do DIY: o lema de Crealoo é que “a felicidade é handmade”, razón pola cal a súa caixa vén cargada de proxectos faino-ti-mesmo adaptados por temporada. Como é iso? O kit actual, por exemplo, para xuño e xullo, ten como temática o verán e as viaxes. O prezo son 24,95 euros se pides só unha caixa, pero con subscrición de varios meses hai descontos.

machopack

7. MachoPack. “Ningún home do mundo debería perder o seu valioso tempo mercando ningún tipo de roupa interior”, di a web de MachoPack. Si, é xusto o que te imaxinas: cada mes, os subscritores reciben un calzón novo por correo! Pero hai varias modalidades: o “Supervivencia Pack” é un calzón, o “Basic Pack” un calzón e calcetíns, e o “Rambo Pack” un calzón, calcetíns e unha camiseta. Os prezos, entre os 5 e os 13 euros.

8. My Panty box. Acabas de ler o de MachoPack e sentir moita envexa dos homes? Non tes por que: hai tamén o equivalente feminino, My Panty box, co que recibes unha braguiña cada mes. Hai tamén a posibilidade de utilizalo como agasallo e incluír unha nota romántica. Hai distintas liñas, desde a básica ata a sexy, por entre 10 e 20 euros (sae máis barato se te subscribes para varios meses).

9. My Kerbox. Seguindo con intimidades, My Kerbox é para non ter que estar a pensar se temos compresas na casa ou non. Si, amigas: podes recibir un pack de compresas, tampóns e outros produtos de hixiene feminina por correo cada mes. Entre 13 e 22 euros.

10. Petsecret. Tes algunha mascota? Entón esta é a túa caixa: detalles que fan feliz á túa mascota, prometen desde Petsecret. Escolles se tes can ou gato e por cantos meses queres subscribirte: un mes son 10 euros, un ano 100 euros.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *