Somos xente honrada: costumismo tráxico-cómico

somos-gente-honradaQue farías se atopases na praia 10 kg de cocaína? Ese é o punto de partida do filme ‘Somos xente honrada’, ópera prima de Alejandro Marzoa, vigués, teclista de Manos de topo e máis coñecido, ata o momento, por diversas curtametraxes con diversos premios (que podedes ver e xulgar na súa páxina web).

En ‘Somos xente honrada’ Marzoa preséntanos a dous amigos cincuentóns, Suso e Manuel (Paco Tous e Miguel de Lira respectivamente) aos que á crise non deixou moi ben parados. Pasan o tempo pescando e tratando de aparentar que a súa situación non é tan desesperada ata que atopan na area da praia un fardo sospeitoso que resulta ser 10 kg de cocaína. Ou o que é o mesmo: medio millón de euros. A conciencia dita unha cousa, pero do que non cabe dúbida é de que eses cartos arranxan a vida á calquera.

Neste filme atopamos drama social, thriller de narcos, humor branco e realismo costumista ao máis puro estilo serie de televisión española, todo xunto e ben revolto. E ese é o seu maior encanto. Trátase dun filme duro en moitas escenas, deprimente, cuns protagonistas perdedores nun contexto pouco dado á esperanza. Sen embargo, non nos deixan caer (non só, polo menos) na tristeza. Escachamos a rir no momento máis inesperado, pola inocencia das personaxes, pola súa inmadurez, polas súas reaccións, porque meterse no mundo da droga non é tan sinxelo. Esa mestura é á que lle da ese realismo, ese costumismo irónico que fai todos os acontecementos bastante verosímiles.

Hai outros puntos fortes do filme. O traballo dos dous actores principais Paco Tous e Miguel de Lira é plenamente convincente e enriquece a construción de dúas personaxes entrañables, pero con matices. O desenvolvemento do relato é áxil e engancha, e está ben aderezado de revitalizadores cambios de rexistro. E sae Unax Ugalde, que é tan guapo.

Mesmo se ás veces tememos caer de cheo na moralina, mesmo se hai actuacións que deixan bastante que desexar, mesmo se hai momentos que pecan de previsibles, e aínda que probablemente non sexa a mellor película da historia, do que un sae convencido ao final da peli é de que é un produto ben feito e que é unha historia ben contada. Que pagou a pena ir ao cine.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *