Parece que sempre que falamos de serie o facemos de títulos que chegan dende Estados Unidos. A excepción son as (marabillosas) series británicas, cos seus coidados escenarios, vestiario e produción (BBC, vén a nós!) que fan que velas xa sexa – só por xusto velas – un pracer. Pero hai máis vida fóra de Estados Unidos e Reino Unido! Os países do norte de Europa están de moda coas súas series policiais (posiblemente non sexa casualidade que antes a literatura policíaca nórdica fose un megaboom) e agora a – intelectual e un pouco snob – Francia está a ser a protagonista da serie do momento, ‘Les revenants’, unha historia de zombies que non son tal. Ou non son o que agardamos dun zombie.
‘Les revenants’, os que volven poderiamos traducir, é unha produción de Canal + Francia, unha historia de misterio máis que de terror na que se conta a volta a vida de varias persoas. Algo acontece é unha media ducia de mortos (mortos que levaban falecidos tempo bastante variable) volven a este mundo sen saber que levaban un tempo sen estar nel. Temos unha adolescente que aparece, para impresión da súa nai, na porta da casa familiar para a hora da merenda, un home que morreu pouco antes de casar e outros personaxes dos que non vos falarei moito máis para non enchervos de spoilers. E todos eles deben enfrontarse á reacción dos seus seres queridos, que por suposto non podían nin imaxinar que algo así ía pasar. Todo isto ocorre nunha pequena cidade (de certo aire universal, podería ser unha pequena cidade de calquera lugar) no alto das montañas, ao lado dun inmenso embalse.
Toda a serie está filmada na zona da Alta Savoia, un deses departamentos dos que, sacando as estacións de esquí, todos os que non somos franceses non sabemos moito. Os espazos fan á serie especial. Non agardedes os típicos lugares franceses, esas boulangerie con carteis pintados e os edificios Haussmann que todo o mundo asocia directamente a Francia. Porque, si, os protagonistas falan francés, pero a historia podería estar pasando en calquera parte do mundo. Unha banda sonora incrible, que reforza o misterio, e un predominio das cores frías e dunha luz digna dun apagado día de inverno acaban por apuntalar unha atmosfera fría, misteriosa, cuns certos toques de poesía (algunhas imaxes, como a cabeceira, teñen un certo toque de poema tétrico).
‘Les reventants’ saiu xa de Francia. A serie é unha das estreas de verán do canal británico Channel 4, que para gran sorpresa (se lle botades unha ollada aos medios británicos veredes que todos lle adicaron unha análise ao feito de que chegase así) está a emitila en versión orixinal subtitulada. É a primeira vez en 20 anos que emiten un contido en VOS, aínda que non son os primeiros que se pasan nestes últimos anos en Reino Unido á versión orixinal (xa o fixo a BBC cunha serie policial nórdica). A pesar da versión orixinal, ‘Les reventants’ conseguiu espertar bastante o interese dos televidentes británicos, que lle deron unha boa audiencia na súa estrea.
Foto | Canal + Francia
Vin a primeira tempada dun tirón.
Non sei que é, se a cadencia da serie, a banda sonora, a paisaxe… que a min me enganchou dende o primeiro momento.
Moi boa recomendación Raquel!