As series que esperamos con máis entusiasmo da nova tempada televisiva

A medida que se achega a fin do verán, hai unha cousa que fai que, no fondo do teu corazón, queiras que remate dunha vez por todas. Cando acabe, empezarán as series de televisión, coas súas novas tempadas que retoman alá onde o deixaron no impactante final de antes do verán e coas estreas das novas historias ás que nos vamos a enganchar perdidamente. Se ata Coca-Cola encheu as paradas de autobús con carteis nos que anuncia que por fin volve o tempo de matiña e series! Por iso, decidimos facer unha lista común coas series que esperamos con máis entusiasmo da nova tempada televisiva. Pedímoslle a María Ramos, que escribe xusto sobre series na revista Willco, que nos dixese as que quere ver ela, por aquelo de ter unha voz dende o exterior. Sumamos as nosas opinións.

Homeland

M (de María):  Aínda que a segunda e a terceira tempada a vin con bastante preguiza, e máis polo que ía lendo nas redes sociais que polas ganas que tiña, o radical cambio de paisaxe que se espera nesta cuarta tempada dá, polo menos, un pouco de curiosidade. E (spoiler) un Homeland sen a cansina filla de Brody igual é máis dixerible.

R (de Raquel): En realidade a nova tempada éme un pouco indiferente. Eu o que quero é ver o primeiro capítulo e saber que é o que van facer. Porque… ten sentido a serie agora que o seu coprotagonista non está? Non é Homeland outra cousa agora, como un spin off da serie principal? E por que lle deron a Carrie unha filla? Non sei se seguirei véndoa máis alá do primeiro capítulo (seguro que si, que sempre precisas que ver cando chove).

A (de Ana): Eu tamén quero vela, e sei que verei toda a temporada. Ademais na promo aparece o guapo de Homeland Quinn, así que polo menos haberá para onde mirar.

Downton Abbey

R: Vale, xa sei que todos vós a metestes na lista do ‘series que acabaron sendo unha trapallada’ e a desdeñades porque é un culebrón con moitas viravoltas (e si, eu tampouco entendo a que veu o da violación na tempada anterior. Non lle pasaron xa demasiadas cousas á pobre Anna? E sobre todo foi botar máis enriba dun par de personaxes que xa resultaban excesivos. Espero que este ano manden a Bates e a Anna emigrados a América e os perdamos para sempre de vista) Pero por moito culebrón que sexa, por moito que o desdeñedes por ser nada intelectual, Downton Abbey está na miña lista. E ademais… cantas cousas lle poderán pasar este ano a Edith!

A: Son igual que Raquel. Esta temporada vai ser a de Edith e iso está guay, e ademais estará Anna Chancellor (‘The Hour’) e Maggie Smith seguirá, que é razón suficiente para aguantar todo o culebrón.

New Girl

A: Esta semana xa se emitiu o primeiro da cuarta temporada e parece que as cousas seguen por bo camiño. ‘New Girl’ calou(nos) a todos os críticos que crían que tres episodios de Zooey Deschanel sendo tan, tan Zooey saturarían. Os plans sempre foron outros, e Nick e Schmidt son igual de importantes. Winston, pobre Winston, sempre quedou un paso atrás (aínda que eu son moi fan del). Vaia, que ‘New Girl’ funciona un pouco como funcionaba ‘Friends’ (perdoade a comparación), polo conxunto, non de un en un.

The Mindy Project

A: Son moi fan de ‘The Mindy Project’ desde que empezou e frústrame bastante non poder comentalo con ninguén. En serio, mola moito! Esta temporada, ademais, todo un reto, porque a anterior (spoiler!) rematou levando o will they/won’t they ao terreo de they will, así que agora teñen que manterse sen esa tensión sexual entre Mindy e Danny, que polo de agora son parella.

The Good Wife


M: Tivo unha quinta tempada marabillosa, con capítulos redondos e na que se atreveron a facer cousas (si, en concreto unha cousa: ese capítulo 5×15 Dramatics, your honor) que noutras series nin imaxinan. E saíron moi airosos: é complicado dar un golpe tan contundente como para que os fans pensemos “non vou volver vela!” e que terminemos aínda máis enganchados. Moitas ganas de seguir as relacións entre bufetes, entre bufetes e fiscalía, entre fiscais, e os casos cos que cada semana amosan que se pode facer unha serie de avogados pegada á realidade e sen caer en formalismos.

Gotham

M: Si, vale, hai un milleiro de series e películas de superheroes e máis que veñen. Pero esta, en concreto, ten moita mellor pinta do que se pode pensar sobre o universo dun personaxe tan explotado como Batman. Que a quen lle importa as orixes da cidade que quere salvar Bruce Wayne, e os comezos do home morcego, dun Gordon aínda non comisario e demais figuras do imaxinario de Gotham? Pois señores, somos multitude. Haille que dar unha oportunidade que a ficción yanki xa ten probado que pode chegar a públicos dispares con temas moi específicos. A cantos lles gustaban os vampiros antes de Buffy?

A: Moitas ganas tamén!

Transparent


A: Agora que as mellores series xa non veñen de canles de televisión, senón de firmas tecnolóxicas como Netflix (é o que aprendemos todos con ‘House of Cards’), a gran promesa da temporada vén da man de Amazon. ‘Transparent’ contará a historia dunha familia nunha situación algo especial: como cambia todo cando o pai, con 70 xa cumpridos, decide deixar de finxir e comportarse como o que foi sempre -no interior -unha muller. O reparto é moi bo, e a creadora é Jill Soloway. Non sabes quen é? Deberías: unha das responsables de ‘Six Feet Under’. Promete! E permitirán o atracón: o 26 de setembro Amazon subirá toda a primeira temporada a Amazon Prime Video. (Así que estará o día 27 no voso sitio pirata de series favorito!)

Jane the Virgin

R: Esta nova tempada televisiva é un coñazo. Podedes ver a lista de estreas e ver que todo é moi aburrido, tan aburrido que ata parece difícil atopar guilty pleasures (e non, a nova serie de Shonda Rhimes, ‘How to get away with murder’, non me convence). O ano pasado, aínda que non daba un duro por ‘Sleepy Hollow’, acabou sendo o meu guilty pleasure do ano (realmente eran bos, tan WTF que acababan sendo insuperables: o meu momento favorito, cando tiveron que loitar contra unha árbore que era un monstro). Este ano penso que o máis WTF é ‘Jane the Virgin’ e verei o primeiro capítulo. Unha rapaciña católica das que están esperando ata o traxe branco para perder a virxindade é embarazada por error polo seu xinecólogo.

The Newsroom

R: Si, sei que é enfermizo, o do hate-watching, xa sabedes. A ver… Os xornalistas non son así e os seus conflitos, os dos protagonistas da serie, son tan tópicos do isto-é-o-que-fai-sufrir-aos-xornalistas que dá noxo. Creo que o fai sufrir agora mesmo aos xornalistas non son as fontes misteriosas senón o paro, os salarios de merda e a precariedade. (Iso é os recorrentes pensamentos de por que non me farei …, pon aí a profesión que che pete). Pero… en fin… volve en novembro. E eu sei que vou a vela.

A: Vereina tamén, aínda que o final da temporada anterior foi terrible.

Black Mirror

M: A paranoia tecnolóxica volve este Nadal. Aínda non se sabe se é un capítulo illado ou unha nova tanda de tres, pero si que na televisión se botaba en falta esa mestura de inquietude, recoñecemento e fascinación da serie da BBC.

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará