Todo o mundo ama a George

George Harrison: Living in the Material World

Empecemos polo obvio: George Harrison morreu hai hoxe dez anos. Unha cifra redonda que dispara as inevitables mencións nos medios de comunicación, reedicións de discos, ou estreas de filmes sobre a súa vida. Os non fans, os que coñecen tan só a superficie de The Beatles dirán que todo é esaxerado. Os que lembramos onde estabamos hai hoxe dez anos cremos que non é suficiente. A recomendación é tan só unha: reserva tres horas e media na túa trafegada vida (non teñen que ser seguidas) e dállas ao documental ‘George Harrison: Living in the Material World’ que vén de estrear Martin Scorsese. Por que deberías darlle unha oportunidade a George? Aquí van as nosas razóns:

1. Todo o mundo ama a George. Se hai unha conclusión clara que deixa o filme é que George Harrison era alguén que espertaba unha resposta de amor en calquera que o coñecese. Transmitía paz, era amable, escoitaba e tiña esa aura de espiritualidade que facía crer que, efectivamente, todo ía a saír ben. E si, o normal é que nun documental sobre alguén que xa morreu a xente fale ben del (porque non está ben falar mal dos mortos), pero aquí case non hai negro. Ata as partes que agochan algo de crítica son de seguido borradas por un sorriso, uns ollos evocadores e un “but he was so nice…”.

2. Eu quero ter un millón de amigos. Como se pode concluír do punto anterior, George Harrison tiña centos de (bos) amigos. Eric Clapton di nun momento que para el George era un amigo especial e que lle gustaría crer que el tamén fora especial para George (á marxe do tema de compartir muller), pero que no funeral de súpeto apareceu un montón de xente do máis variopinto que tamén consideraba a George o seu amigo máis importante. Porque non todo era música na vida de George: estaba a xente do cine (pola súa colaboración cos Monty Python), os dos coches (porque era moi fan da Fórmula 1), os da súa xanela espiritual…

[E dirás: pero quero ver a moita xente falando só marabillas dunha persoa? Si, queres. A aura de George sae da pantalla e te atrapa e cando remata o documental sentes o moito que che gustaría ter sido un dos seus amigos]

George Harrison3. Dous homes e un destino. Claro, no docu tamén hai chicha e temos ás tres partes do triángulo amoroso falando (para os non familiares coa situación, a primeira muller de George, Pattie Boyd, deixouno polo seu amigo da alma Eric Clapton). Eric e Pattie contan como pasou, e George tamén dá a súa versión da historia. E aínda que parece que nun principio non lle pareceu ben (porque os sorprendeu no xardín e George non era tan tan zen), despois foi simplemente elegante. “Prefiro que me deixe por Eric que é o meu amigo que por calquera outro”. E seguiron sendo colegas.

4. Klaus e Astrid. Cando os Beatles marcharon a Hamburgo a aprender sobre a vida moi rápido (porque foi iso o que fixeron, non?), fixeron dous amigos: Astrid Kircherr e Klaus Voorman. Ela era fotógrafa e el deseñador gráfico, ambos vestían sempre de negro e John Lennon chamábaos os “exies” (por existencialistas) de broma. Ambos son clave na historia dos Beatles (responsables da súa imaxe co pelo á cunca e os traxes, entre outras cousas) e velos de maiores falando desa época (e posteriores) é verdadeiramente fermoso. Astrid lembra a madurez emocional do George de 18 anos, Klaus explica como Harrison salvoulle da depresión cando viviron xuntos anos despois.

5. O xardín da alegría. George Harrison viviu gran parte da súa vida nunha casa que parecía dun conto de fadas, cun xardín inglés que foi deseñando el mesmo e ata coidando (coa axuda, claro, de operarios). Do dos ananos de xardín non se di nada no filme (pero George era fan, que o saibades), pero o seu fillo Dhani (idéntico a George) lembra como o seu pai quedaba horas mirando para o xardín inventando novas cousas e decidindo cada detalle.

6. India. Todos os Beatles pasaron pola súa etapa de espiritualidade india, pero antes ou despois acabaron por aburrirse. George Harrison quedou prendado do país para sempre: aprendeu a tocar o sitar con Ravi Shankar só para deixalo cando descubriu que non eran as súas raíces, e abrazou toda a relixión e sobre todo a espiritualidade do país. Era a primeira vez que lle dicían que non podías crer nun deus ou nunha relixión ata que a tiveses experimentado directamente, e a meditación permitíalle chegar a partes da súa mente ás que ata entón só chegara mediante drogas (e meditar seica era máis saudable).

7. A vida de Brian. Parecía o beatle serio por iso de ser o beatle silencioso, pero o beatle serio posiblemente non tería financiado filmes dos Monty Python ou sido parte de gags nos que se ría dos aspectos máis escuros de si mesmo. E o beatle serio non lles diría aos seus novos empregados da casa, desde a padiola na que o levaban ao hospital despois de ser acoitelado: “que vos parece o traballo ata agora?”. (En realidade ser beatle e ser serio non son calidades compatibles).

8. Os recunchos escuros. Porque si, a pesar de que todo o mundo fale del con adoración, e de que o filme obvie temas coma a acusación por plaxio por My Sweet Lord, Scorsese tamén deixa pasar as sombras nalgúns momentos. George Harrison non foi un santo. Déixao caer Paul McCartney nun momento no que di que non vai a afondar no tema porque eran amigos, e déixao tamén bastante claro Olivia, a súa viúva, que di que a George lle gustaban moito as mulleres e que ás veces non era fácil. Pero de seguido volve a luz e George recupera a súa aura. “Un matrimonio é coma un diamante en bruto que hai que ir pulindo”, di Olivia. Os seus ollos énchense de luz e amor e xa é doado crer.

Todos amamos a George.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *