Pauline de Lassus (Mina Tindle) -á esquerda -naceu en París. Sarah Jaffe, en Texas. Infancias e vidas distintas cun punto en común que as puxo en contacto e fixo que se coñeceran onte en Vigo. Cal é ese punto en común? Que están a facer nun lugar coma este? Resposta 1: a música. Resposta 2: son, xunto con Hannah Peel, as protagonistas do Festival Voces Femeninas que se celebra esta noite en Ourense e o sábado en Vigo. Curiosos por saber como se vive a música desde lugares tan distintos, xuntámolas no sofá para unha conversa.
– Como empezastes nisto da música?
Mina Tindle: Empeza ti, teño curiosidade…
Sarah Jaffe: Crecín en Texas, pero nunha familia cunha profunda adoración pola música, sobre todo polo lado da miña nai. Sempre quixen tocar un instrumento, así que cando tiña nove anos a miña nai regaloume unha guitarra. Tomei tamén sen ganas clases de piano (coas que agora desexaría ter continuado), pero a guitarra foi o que me enganchou. E en canto empecei a tocar a guitarra, empecei a escribir, e en canto puiden empezar a dar concertos, empecei a dar concertos, o que foi cando tiña uns 17 anos.
MT: Eu empecei moi tarde. Estiven sempre rodeada de “voces”, porque a miña nai canta, e o meu avó tamén, así que todo o mundo andaba sempre como cantando ao meu redor, pero nunca como músicos profesionais,. Era máis coma un hobby, así que me levou moito tempo ata que entendín que podía facer algo así de verdade. Penso que escribín a miña primeira canción tan só hai uns cinco anos, cando entendín que podía intentalo, pero nunca foi algo obvio para min. De feito rematei os meus estudos e me graduei antes de decidirme.
SJ: Interesante, que estudaches?
MT: Literatura e cousas de comunicación e política. Basicamente o que quería era traballar no mundo da arte, en museos e cousas así. Non en política, pero si no ámbito das políticas culturais esas cousas.
SJ: Unha muller culta… moi cool!
– Ti fuches directa á música.
SJ: Si, moitas veces desexaría ter ido á universidade, pero souben que amaba a música moi cedo. Sempre fantasiaba co tema, aínda que nunca pensei que de verdade podería facelo. Penso que co que máis fantasiaba era co de viaxar e tocar, para min iso era todo. Pero na miña familia era un pouco igual, non era obvio, nin me animaban especialmente, simplemente tiñan unha gran adoración pola música. E iso se transmite de forma natural.
– E como é o proceso de escribir unha canción? Que vos inspira?
SJ: Non sei, eu escribo coma por impulso. Normalmente escribo as cancións dunha vez, se escribo unha canción por partes sinto que nunca debería ter existido. Pode ser bastante frustrante cando non son quen de escribir, teño épocas nas que podo pasar bastante tempo sen escribir nada, coma se xa tivese escrito todas as miñas cancións. Pero entón cando me poño a facer un disco, se simplemente estou rodeada de xente creativa, sinto certa presión e entón escribo (baixo presión).
MT: Para min é un pouco o mesmo, é incrible como estar con xente creativa dalgunha forma pode “alimentarte”. De súpeto tes ideas de novo cando antes estabas baleira. É tamén por impulso, aínda que ás veces teño cancións que me perseguen durante anos, ás veces volvo a esas cancións que escribín antes, ou noutro país…
SJ: Si, exacto, é coma reciclar cancións. Ás veces escribo unha canción por riba e penso que é unha merda, pero despois volvo a ela e collo algunhas partes ou frases.
MT: Outras veces simplemente dis “oh, aínda teño esta melodía na cabeza, debería intentalo”.
SJ: Si, o bo de escribir é que podes reutilizar cousas…
MT: … cando sentes como que xa non te pertence.
SJ: Pero de súpeto lle atopas un lugar.
– E as letras? Ambas escribides cancións moi persoais.
MT: Por desgraza… (risos). Ás veces gustaríame ser quen de…
SJ: Contar simplemente historias? Desde fóra?
MT: Si, ou penso no punk, nesa xente que dalgunha forma era parte de algo máis grande. Pero ao final escribo máis sobre min mesma, os meus sentimentos, cousas así. É duro, e penso que pode ata ser profundo, non ten por que ser algo pequeno, pero moitas veces sénteste demasiado centrada en ti mesma.
– 2011 está a ser un bo ano para ambas, de éxito… que se sinte ao ver de súpeto este interese?
SJ: É fantástico, a recepción está a ser moi boa. Só espero poder seguir escribindo e facendo cousas así. Encántame poder tocar nun festival coma este, está a ser moi divertido. Non quero volver a casa! Non quero marchar! Pero si, foi un ano moi bo, cheo de cousas. É necesario para que todo se xunte na túa cabeza e empece a ter sentido, despois de tanto tempo de caos e cansazo e dúbidas. Facer concertos coma estes sempre trae un pouco de claridade.
MT: É un bo sinal de que podes seguir facendo estas cousas. Moitas veces é fantástico e é a razón pola que estás a facer isto. Porque se non tes a oportunidade, se non podes tocar en sitios, viaxar, coñecer xente, é distinto. E eu tampouco é que o teña feito demasiado, estou aínda empezando, pero firmaría por seguir a facer isto.
– Parte do voso éxito empezou co bulebule en internet. Como vos sentides sobre iso?
SJ: É xenial. Internet é algo moi raro, é algo co que crecín, pero cada vez máis raro. E coa industria da música crea unha diferencia enorme. Desde os blogs e as críticas de discos ata simplemente a forma como se fai e vende a música, é vital ter algunha clase de presencia online. Agora mesmo é case imposible, coma artista, chegar a algún sitio sen ela.
MT: Internet é unha boa ferramenta, é fantástica se queres chegar á xente directamente, non tes que ter unha discográfica ou ter a alguén ao cargo. Pero ao mesmo tempo é moi difícil, porque ninguén é bo nisto. É un paradoxo, pero eu estudei comunicación e aínda así son moi mala, e cando tes que facelo para ti mesma… podería ser boa facéndoo para outra xente, pero cando é para unha mesma é peor. Síntome como moi anticuada con todo isto. É unha moi boa ferramenta para ter contacto co teu público, pero despois a xente reacciona máis por unha foto ou un vídeo que pola música. E o que eu fago é música! O resto é un extra. É moi raro, é un bo medio, pero despois a xente simplemente di “gústame” ou “follow” e non se toman o tempo de escoitar a música. Hai cousas moi boas, pero despois noutras…
SJ: Estás perdida.
MT: Si, perdida. É difícil facelo ben, dar boa información, facer que sexa interesante. E a música ás veces é aburrida, non é interesante.
– E desde o punto de vista de escoitar música? Que opinades de servizos coma Spotify ou todo o que está a saír nesa liña?
SJ: Eu acabo de descubrir Spotify e é moi estraño. É moi cool, pero puf… e podes escoitar as playlists doutra xente, iso está ben porque eu sempre facía CDs para os meus amigos.
MT: Agora nin sequera podes facer iso!
– Xa nada é físico!
MT: Non, non me gusta… ti compras CDs?
SJ: Si, aínda compro CDs e vinilos.
MT: Eu tamén.
SJ: Adoro o obxecto, quero ver as fotos, e o deseño, a presentación… é parte dun disco. E quero ter iso, quero ter CDs… pero a xente xa non os compra.
– E os álbumes empezan a ser tan só coleccións de cancións, non un todo.
MT: Si, pero non é tanto iso, dá igual se é un single ou un álbum de 12 cancións, o que pasa agora é que xa non é algo sagrado. É demasiado fácil: non pagas, escoitas de forma moi doada e esqueces o que escoitaches coa mesma facilidade. Agora está todo ao teu alcance, xa non hai ese desexo… estou a soar coma alguén moi vello (risos).
SJ: Pero creo que tes razón…
MT: Eu creo que é raro.
SJ: É moi raro. Pero agora hai tanto, hai moitísima música boa, pero é o que dixeches ti, escoitas e esqueces coa mesma facilidade. Hai tanto que é coma un ataque aos teus sentidos. Non podemos volver ao de antes, pero si que está ese outro camiño de seguir vendo a arte coma algo sagrado.
MT: E facer obxectos fermosos…
– E xa para rematar, cal sería o voso cartel perfecto para un festival Voces Femeninas?
MT: Kate Bush, Feist, St Vincent, Gal Costa (segue viva?)
SJ: Nina Simone… importa que xa non vivan?
– Non pasa nada, o cartel ten que ser perfecto, non ten por que ser posible.
MT: Pois así entón hai demasiadas! Billie Holiday.
SJ: Si, ela sería cabeza de cartel. Sen dúbida.
* Podes tamén ver que é cool para cada unha delas: disqueficha de Sarah Jaffe e disqueficha de Mina Tindle
* O festival Voces Femeninas 2011 fará que Sarah Jaffe, Mina Tindle e Hannah Peel toquen esta noite no Teatro Principal de Ourense e o sábado 26 no Centro Cultural Caixanova (Novacaixagalicia? Novagalicia? – o García Barbón) en Vigo. Ademais, podes pillalas esta tarde ás 19:00 horas na tenda de Purificación García (Paseo nº34) ou o venres 25 ás 19:30 na tenda de Vigo (Príncipe nº61).
Fotos | Disquecool
3 comentarios