Os festivais que veñen: abril 2012

Festivais que veñen: abril 2012A primavera, o bo tempo (ou boas temperaturas, que o do bo tempo este ano non é ningunha novidade), os días longos e o verán no horizonte. A quen non lle apetece empezar xa a ir a festivais? Un mes máis, facemos unha pequena selección dos festivais de música que terán lugar o próximo mes, escollendo un en Galicia, outro no resto de España e un no estranxeiro. En abril a oferta xa empeza a ampliarse!

En Galicia: Festival do Norte. Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 e 28 de abril. O clásico entre os clásicos no que a festivais de música indie en Galicia se refire sobrevive en tempos de crise cun cartel que fará as delicias de moitos: Love of Lesbian, Lori Meyers, Fangoria, La Casa Azul, Disco Las Palmeras!…

En España: 2 + 2 Festival Indie de Interior. Palma (Illas Baleares), 13 e 14 de abril. Unha fermosa sorpresa xurdida da necesidade de volver ás salas pequenas e medianas, buscando o romanticismo inexistente en macrofestivais de ver a bandas a unha distancia coherente do escenario. A quen poderás ver (de cerca) se decides ir á illa? FM Belfast, Kakkamaddafakka, We Are Scientists, Catpeople, Triángulo de Amor Bizarro, os Layabouts…

No estranxeiro: Le Printemps de Bourges. Bourges (Francia), 24-29 de abril. Os francófilos adorarán este festival que durante cinco días toma a pequena cidade de Bourges, no centro de Francia (case no centro xeográfico exacto!). Xente como Patrick Watson, Selah Sue, King Krule ou Baxter Dury, vellos coñecidos da escena francesa coma Dominique A (e Mina Tindle!) e, sobre todo, moitísimos grupos e artistas franceses listos para ser descubertos.

Foto | Montecruz Foto

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *