Vídeos para a fin de semana: videoclips feitos por fans

Un dos deportes de sofá máis estendidos é o de criticar o que estamos a ver e dicir que, sen dúbida, nós poderíamos facelo mellor. Funciona para concursos nos que sabemos as respostas e os concursantes non, para penaltis que nós teríamos parado ou para guións de series. No mundo dos fans musicais hai outra modalidade: os videoclips.

Por suposto, na maior parte dos casos a cousa non pasa de farol de sofá e poucos valentes que se atreven a demostrar as súas palabras case ninguén sae vitorioso. Pero hai casos de xente que tiña razón. Para os que dicían que poderían facer un videoclip mellor YouTube ofrece a plataforma perfecta. E, efectivamente, o sitio de vídeos está cheo de pequenas xoias realizadas por fans que superan en moitos casos aos videoclips orixinais. Aquí vai a nosa pequena selección dos mellores videoclips feitos por fans.

10. Belle and Sebastian – Another Sunny Day (feita por benzette). Unha bonita e sinxela animación totalmente fiel á letra da canción, con personaxes de ollos grandes e olleirosos, miradas melancólicas dignas de calquera fan dos primeiros tempos de Belle and Sebastian. Aínda que Another Sunny Day sexa xa da etapa bailarina.

9. No Age – You’re A Target (por Little Stolen Moments). Falando de bailar, que mellor que esta proposta? Little Stolen Moments son un grupo de danza de Austin (Texas) que ten como un dos seus hobbies converter as súas coreografías para hits indies en fantásticos vídeos. O de No Age é o noso preferido.

8. Laura Veirs – Phantom Mountain (feito por Doug Savage). Laura Veirs fixo un concurso de videoclips para Phantom Mountain e este foi o gañador. Unha pequena marabilla stop-motion con materiais de oficina e debuxos que cobran vida. Claro que Doug Savage, como semella obvio, é ilustrador e animador profesional.

7. The Divine Comedy – To Die A Virgin (feito por Gachi & Chini). O noso amado Neil Hannon tamén decidiu nun momento deixar en mans dos seus fans a realización dun dos seus videoclips. A proposta gañadora foi outra, pero esta a base de papel e tesoiras é a que nós cremos que debería ter gañado.

6. Grizzly Bear – Two Weeks (feito por Gabe Askew). Outra proposta moi, moi profesional. Fíxoo en catro meses de ratos libres e fins de semana (unhas catro semanas, di, se se tivese adicado ao video todo o tempo). O resultado é simplemente fermoso e posiblemente o mellor vídeo desta lista (a orde é aleatoria!).

5. Phoenix – Lisztomania (feito por 00mit00). Fans das películas dos 80, fans de Molly Ringwald e John Hughes e todo o chamado Brat Pack, isto vaivos encantar: un fan colleu imaxes de todas esas películas, momentos nos que os personaxes bailan, cambiou a velocidade para que coincidise o ritmo e fixo esta pequena marabilla.

4. Phoenix – Lisztomania (feita por thepinkbismuth). Outra vez? Pregúntaste. Si, outra vez, nun xiro fantástico dos acontecementos. O vídeo anterior fíxose tan popular que tivo ata unha versión-homenaxe neste videoclip. Unha forma fantástica de homenaxear ás películas e a escusa perfecta para repetir os bailes do Clube dos cinco. Se fas unha busca por YouTube, atoparás moitos outros vídeos coma este por todo o mundo!

3. The Decemberists – The Rake Song (feita por estudantes do St. Martin’s College of Art de Londres). Unha vez máis, atopámonos con fans profesionais (ou cuasi-profesionais) en temas de videoarte e animación, polo que o resultado é fantástico. Marionetas, plastilina, papeis, bonecas diabólicas… non hai técnica que se lles escape.

2. Frightened Rabbit – I Fell Better (feito por sammolleur). Outra animación (canta xente con talento hai solta polo mundo?). Os comentarios do vídeo deixan claro que é moi preferido á versión orixinal.

1. Belle and Sebastian – The Blues Are Still Blue (feito por Carlos J. Trujillo). É moi posible que xa viras este fantástico lipdub feito nun instituto de Sevilla, pero o logrado por Carlos J. Trujillo, profesor de inglés, e o sono de calquera fan de Belle and Sebastian que agora sexa profe de adolescentes. Poñelos a todos a interpretar e bailar unha das cancións do teu grupo favorito. Ai, serán agora todos fans? Quizais sexa mellor non sabelo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *