Low en Compostela: a maxia da austeridade

Low*Colaboración de Dr. Chou

Nun rostro humano hai un número exacto de 33 músculos. Absolutamente todos eles foron contraídos e expandidos en numerosas ocasións por esa besta silenciosa que é Alan Sparhawk, cando apenas se contaban por unha decena os segundos de concerto que Low deu na Sala Capitol. Foi unha declaración de intencións crúa e sincera. Low son un grupo que fai música tranquila, pero dende o máis sórdido dos recunchos da alma humana.

Na súa segunda visita a Galicia (hai xa uns anos presentaran o soberbio ‘The Great Destroyer’ dentro do festival SINSAL) o trío de Minnesotta non só cumpriu as expectativas, senón que por momentos as superou. Adorados pola prensa, un chega, ás veces, a desexar afastarse da marea de loanzas que lles choven, para darse conta posteriormente de que é imposible, de que por estupendo que te queiras por, os primeiros acordes de Nothing but heart acaban por confirmarche que ninguén fai tanto recorrendo a tan pouco: unha soa guitarra, un baixo, e unhas percusións dominadas pola austeridade desa máxica voz que posúe Mimi Parker. Tralos fríos crescendos dese inicio, chega Try to sleep, corte que abre o recente e fantástico ‘C’mon’, enchendo a sala dunha maxia que derrubaría calquera armadura postiza, e que non deixarían escapar ata o último acorde do recital. O público xa estaba no peto, notábase no respectuoso silencio mantido, e nas ovacións adicadas en incontables momentos.

Os dous discos xa comentados foron os claros protagonistas do concerto. ‘C’mon’ gobernou a meirande parte da primeira metade, amosándose ben, como esa parella da que presumes cos amigos, porque sabes que xera envexa. É un discazo tal que roza a insolencia, e fixo gala de selo a base de ir soltando temas que rozan en poucos meses a categoría de himnos. O protagonismo de Parker en You see everything, a épica de Witches, ou o mar de flequillos ondeando nunha Especially me que, para aquelas alturas, resultou ser sinxelamente a confirmación dunha vitoria confirmada a priori, pero que pasou a resultar aplastante.

Tras repasos a glorias pretéritas, como a convulsa Monkey, ou a congoxa que entre a audiencia xurdiu cando soou Silver rider, entre o mellor do setlist, xunto coa apocalíptica Pissing, houbo tempo para satisfacer a iniciativa das peticións populares no seu Facebook, e servidor veuse medio cumprido con Canada.

Poucos engadidos facían falla para cualificar a cita cun sobresaliente, pero, tras unha Sandinista algo descafeinada, a fin de festa con Last snowstorm of the year e a volta a tenrura de Violent past debuxounos un sorriso na mirada, cando lembrabamos o tipo duro que prometemos ser un par de horas antes, e o que Low nos ensina que somos, almas expostas ao que a eles lles dea a gana. Iremos a onde ordenen, submisos, porque cando alguén amosa un poder tan brutal, sen apenas despeitearse, só cabe axeonllarse e baixar a cabeza saudando ao xenio. Amén.

Foto | Dr. Chou

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará