The Dodos, Joanna Newsom, Cass McCombs, Abe Vigoda… todos eles (entre outros) pisaron terras galegas este ano. Era fácil crer que se trataba tan só de concertos soltos sen ningunha relación entre eles, pero o certo é que formaban parte do Festival Sinsal No.9 que chega agora ao seu fin. Remata, iso si, cunha festa por todo o alto que terá ao trío xaponés Nisennenmondai e a Das Kapital como protagonistas.
E que pasará despois? Pois como é lóxico e natural, trala novena edición chegará a décima, que desde Sinsal aseguran que xa están a preparar. 2012, din, o ano do seu décimo aniversario, “será tamén un ano de cambios”. E tendo en conta que en 2011 ademais dos concertos mencionados xurdiron tamén proxectos coma o Sinsal San Simón (o microparaíso!) e AP9, os nervios para saber que se prepara para o “ano dos cambios” son aínda maiores.
Podes esperar á festa de clausura, que terá lugar o vindeiro luns 5 de decembro (luns? si, pero víspera de festivo!), para asaltar aos responsables de Sinsal e pedirlles pistas e detalles; pero se cres que é demasiado tempo tes outra oportunidade: esta fin de semana no Culturgal, a onde xa tiñas pensado ir para saudarnos a nós.
Sinsalaudio terá un stand na feira no que presentarán o seu proxecto Consal, unha “nova estratexia de financiamento, colaboración e participación aberta a todo o público, artistas e empresas”. Pero sempre podes aproveitar para sacarlles algo de información sobre o Sinsal No.10 (e despois contárnolo todo).
Iso si, non desbotes a opción da festa de clausura, xa que promete ser bastante apoteósica. Porque escoitar a Das Kapital e a Nisennenmondai na mesma noite (se non sabes cousas destes últimos, dirémosche que son tres rapazas xaponesas de aspecto inocente, dignas discípulas de Sonic Youth ou Battles, que fan krautrock instrumental non apto para oídos delicados) só pode ser unha experiencia inesquecible (e bailar despois o que pinchen Ningunos DJs e Galis115).
*A festa de clausura do Sinsal No.9 será o luns 5 de decembro ás 22 horas na Sala Mondo (Vigo). A entrada custa 5 euros.