Culturgal: Galeoke, a revolución das sobremesas

Galeoke, o karaoke galego

En directo dende o stand de Disquecool no Culturgal

Despois do café o avó toma a iniciativa, o meu normalmente arrinca con esa que di así: “Quedaches de vir ás nove, viñeches ás nove e media, ti pensas que esa é maneira de enganar a unha morena…”, pero cada casa ten o seu estilo. No repertorio de cantigas hai porén unha serie de grandes éxitos que non poden faltar nunha celebración que se prece. Agora, un novidoso invento que podes experimentar en primeira persoa no Culturgal está chamado a revolucionar as sobremesas en moitos fogares galegos. Chámase Galeoke, o primeiro karaoke con cancións 100% galegas.

Aitana é unha das responsables da iniciativa, obra de “cinco colegas” amantes da festa, fartos de ter que entoar hits de Lady Gaga ou Beyoncé. “Queremos cantar cousas que nos gustan”, afirma.

O Galeoke é parecido ao coñecido videoxogo Sing Star da PlayStation, coa diferencia de que no canto dos éxitos comerciais do momento en castelán ou en inglés, neste karaoke enxebre todos os títulos son galegos. Polo demais, o mecanismo do xogo é bastante similar: o obxectivo consiste en ser o mellor entoando. Ao final da canción o Galeoke puntuará a túa actuación, determinando se careces completamente de oído, ou se pola contra tes potencial de estrela. “Non se trata de saber a canción, senón de facelo ben”, explica Aitana.

Este Karaoke instálase no ordenador e é compatible con Mac, Windows e Linux. Só precisas engadir un micro, e a festa está garantida. Ou polo menos isto opina unha señora espontánea que se abalanza sobre un dos micrófonos instalados no stand do Galeoke no Culturgal. “Con isto tes festa todo o ano. Cantan nenos, cantan fillos, cantan avós, cantan todos”. Iso si, prefire ir por libre antes que ter que seguir as liñas de entoación que amosa a interface do xogo.

O primeiro volume do Galeoke presentouse o ano pasado, precisamente na Feira das Industrias Culturais de Galicia, e “foi un éxito”. Aitana explica que o segundo estará á venda este Nadal, con 21 temas que van desde a tradición á música máis contemporánea e entre os que se atopan ‘O sancristán de Coimbra’ de Pilocha, ‘Quero josar’, de Heredeiros da Crus, a ‘Xota de Ribeira de Piquín’ de Nova Galega de Danza e ‘Calamar’ de The Homens. Se estás interesado/a en adquirir algún dos volumes podes facelo en librerías e tendas de música por un prezo que ronda os 20 euros.

Á hora de realizar a escolla dos temas é fundamental que as cancións se poidan “galeokar”. A música acompáñase cun videoclip, cando existe, ou no seu defecto cunha imaxe fixa do grupo. O Galeoke destínase a todo tipo de público adulto, “desde chavalada a señoras”, aínda que estes días os nenos son os que máis se lanzan a probar a experiencia no seu stand do Culturgal.

Foto | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *