Os indies tamén teñen amigos: 16 videoclips con famosos

Despois do éxito das dúas primeiras entradas da serie “os indies tamén…”, imos a pola terceira. De verdade aínda cres que os indies son xente solitaria, pequenos perdedores? Quizais no seu estado ideal (os fans dos Belle and Sebastian dos 90) si, pero agora que ser indie mola, hai que admitir a pequena incongruencia: os indies son xente popular. Tan populares que non teñen problemas á hora de conseguir a estrelas do cine e televisión para protagonizar os seus vídeos. E desta vez estamos xenerosos, e a lista é de 16. Si, aquí van 16 videoclips con actores e actrices famosos.

16. Paul Simon – You Can Call Me Al. Un clásico entre os clásicos. Paul Simon co-protagoniza este videoclip con Chevy Chase (si, si, Pierce en ‘Community’) e quedan dúas cousas claras: a diferencia de tamaños é cómica (xa o sabían o gordo e o fraco) e Chevy Chase xa era Pierce nos anos 70. Fíxate nos xestos. Xa estaba aí.

15. Beck – Sexx Laws. Jack Black sufre un universo no que os electrodomésticos empezan a deixarse levar pola “lóxica das leis do sexo”. O plano do frigorífico coa lavadora é digno de traumatizar a calquera. Despois aparecen uns extraterrestres e uns bruxos e demais xente estraña mentres Beck canta tranquilo e Jack Black remata disfrazado de algo (non son quen de definilo) e upado polas masas coma líder dunha revolución para desafiar ás leis do sexo.

14. Bright Eyes – At The Bottom Of Everything. Un deses vídeos non aptos para xente con fobia a voar (aínda que converte o feito de que un avión se estrele no mar en algo lúdico e bonito). Neste caso a protagonista e Evan Rachel Wood, a quen quizais coñezas coma ex-prometida de Marilyn Manson ou filla de Kate Winslet na miniserie ‘Mildred Pierce’.

13. Oasis – Little by little. Neste vídeo Noel Gallagher está a tocar na rúa pedindo cartos (claaaro) mentres Robert Carlyle (‘Trainspotting’, ‘Full Monty’, ‘Battlestar Gallactica’) é coma Alicia cambiando de tamaño. Primeiro e pequeniño, pequeniño. Ao final un xigante que camiña entre árbores. Queda súper sorprendido cando Liam Gallagher aparece vestido de branco a modo de anxo e o axuda a erguerse despois de caer no chan. (Oasis tamén teñen un vídeo guai para The Importance of Being Idle co actor Rhys Ifans).

12. Savage Garden – I Knew I Loved You. Si, si, a definición de indie deste post é moi ampla (como comprobaredes no terceiro posto). Aquí os melosos australianos Savage Garden conseguiron que Kirsten Dunst (con cara de nena -hai 12 anos) subise a un metro, lle puxese olliños ao cantante e lembrase unha especie de vida pasada xuntos cando se dan a man.

11. Paul McCartney – Dance Tonight. Paul McCartney decide facerse un moderno (xa o vimos no pasado con Converse noutro vídeo) e, como ten cartos, contrata a dous dos gurús do indie: Michel Gondry para dirixir o vídeo e Natalie Portman para protagonizalo (en forma de pantasma que despois se volve humana e converte a Paul en espírito). Todo cun repartidor (Mackenzie Crook, ‘Piratas do Caribe’, ‘Skins’) coma testemuña.

10. Gorillaz – Stylo. Escoller a un actor para protagonizar unha persecución en coche (especialmente se os perseguidos son debuxos animados) non é difícil. Hai un nome (e un home) para iso: Bruce Willis. Damon Albarn tirou ao grande e gañou. E Bruce Willis mola un montón (coma sempre).

9. Texas – In Demand. Noite, coche convertible, Sharleen Spiteri envolta nunha gabardina. Pero, quen é ese home no que parece confiar tanto e polo que se sente protexida? O profesor Snape!! Ou, o que é o mesmo, Alan Rickman. É raro, por iso de que el ten como 50 anos máis ca ela, pero a apaixonada escena na estación de servizo fai que esquezamos un pouco todo.

8. Devendra Banhart – Carmensita. Claro, a aparición máis célebre de Natalie Portman nun videoclip foi esta, facendo de princesa hindú (ou algo así) con voz de Devendra cantando en castelán. O príncipe é, por suposto, Devendra e o vídeo moi moi gracioso (tería que ter entrado no de “os indies tamén bailan” polas súas coreografías fantásticas tipo Bollywood).

7. She & Him – Why Do You Let Me Stay Here? De princesa indie a princesa indie e tiro porque me toca. Este tema ten dous vídeos, o oficial e este, feito durante a rodaxe de ‘(500) Days of Summer’. E ten non só a Zooey Deschanel (que é lóxico, xa que é quen canta), senón tamén a Joseph Gordon-Lewitt. Que resulta que é un bailarín fantástico.

6. Moby – Natural Blues. Neste vídeo vemos a un Moby de moitos anos, xa carne de asilo, que repasa un álbum de fotos da súa vida e ve de súpeto como o anxiño que está enriba da tele se converte en Christina Ricci e dá bastante medo. Porque efectivamente, Christina Ricci é a morte e leva a Moby consigo.

5. Travis – Closer. O grupo máis adorable do mundo, tamén coñecidos como Travis, convértense para este videoclip en empregados dun supermercado (deixando claro que é unha profesión ben aburrida e triste). Pero entón Fran Healy chama á revolución a través da megafonía e o supermercado é de súpeto un lugar mellor. Ata que chega para poñer orde un confundido supervisor: Ben Stiller.

4. Low – Try To Sleep. Todos sabíamos que Jessie, o tío marchoso de ‘Padres Forzosos’ tiña un futuro prometedor. Despois de varios anos desaparecido, John Stamos volveu á pequena pantalla facendo de dentista en ‘Glee’. E o mellor, este fermoso vídeo desta fermosísima canción dos nosos adorados Low. A verdade é que así sen chupa de coiro e co rollo anos 50 está moito mellor.

3. Ke$ha – Blow. Xa avisamos de que a definición de “indie” era moi moi ampla neste artigo. Que fixo Ke$ha para lograr entrar na lista e ademais no posto 3? Coller a unha das estrelas da nosa adolescencia e convertelo en galán. Quen é el? James Van Der Beek. Non caes? Tamén é coñecido coma Dawson. E si, polo menos cortou o pelo e deixou de utilizar roupa cinco tallas máis grande. O vídeo, por outra banda, non ten desperdicio, con unicornios e pistolas que disparan arcos da vella (e un movemento de pelve de Dawson alá polo minuto 2 que non vos deixará durmir).

2. Herman Dune – Tell Me Something I Don’t Know. A historia é sinxela: un pequeno e adorable monstriño azul está a facer autostop e é recollido por Don Draper. Que saibades que gracias a este videoclip caín en que o señor Jon Hamm non ten moitos rexistros coma actor (ou igual estaba a facer de Don Draper, non sei, actuaría así Don nesa situación?). O vídeo é a tenrura elevada ao seu máximo expoñente.

1. The National – Conversation 16. Máis ‘Mad Men’, pero moito mellor. Temos por un lado á presidenta dos Estados Unidos, Kristen Schaal, a que quizais recoñezas coma unha das telefonistas da primeira tempada, pero á que todos os fans de ‘Flight of The Conchords’ identificarán coma “a fan”. E despois está Roger Sterling, digo, John Slattery, asistente (ou xefe de gabinete ou seguridade) da presidenta terriblemente namorado dela e que sufre cando ela decide liarse co presidente ruso. Pobre Roger.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *