Cancións por agasallos: pop e solidariedade

Cancións por regalos, en Santiago de Compostela na Cidade da Cultura

Estás preto de Compostela, tes a tarde libre e es fan da música pop? Entón xa tes plan para hoxe: merca un xoguete ou un libro e sube á Cidade da Cultura. A partir das 18 horas terá lugar alí, na Sala de Columnas, o minifestival ‘Cancións por regalos’. E non te preocupes por conseguir entrada: poderás entrar no concerto a cambio dese agasallo que mercaches antes.

A iniciativa, organizada pola Cidade da Cultura coa colaboración de Ernie Producciones e a Asociación Iniciativa Social Berce, ten coma obxectivo “achegarse á música pop nun formato acústico a cambio de facer feliz a un neno”. Parece un bo trato, non?

A quen poderás ver? Pois a varios representantes do indie que se está a facer agora, tanto en Galicia coma fóra. De aquí estarán La Familia, co seu pop inocente e coidado (e dos que somos moi fans por facernos sentir que volvemos a ter 15 anos), e Jane Joyd, que xa que está a piques de sacar novo disco supoñemos que tocará algúns dos temas novos.

Xunto a eles tocarán tamén a cántabra Mehnai, cun folk no que se notan as influencias de desde Sufjan Stevens ata Joni Mitchell, a xa máis que consolidada Alondra Bentley, e Abraham Boba, man dereita de Nacho Vegas sobre o escenario que vén de publicar o seu terceiro álbum.

Quen decidirá a quen se lle dan os agasallos? Diso ocuparase a Asociación Iniciativa Social Berce, adicada á “atención aos nenos en situación de desprotección”, que fará o reparto xusto a tempo para que todos eses rapaces teñan unha sorpresa inesperada na mañá de Reis.

Se podes, xa sabes, non faltes. Dúas disquerredactoras fomos por primeira vez a unha iniciativa deste tipo hai cinco anos en Barcelona (co fantástico nome de ‘Els Reis Són Rockers’ e Camera Obscura e Christina Rosenvinge no cartel) e paga a pena acudir tan só por ver a montaña enorme de xoguetes de todo tipo que se forma á entrada. E se ademais temos un cartel como o preparado para esta tarde, xa non hai escusa!

Shares

1 comentario

  • bea di:

    eu fun! e non defraudou. Iso si, o mellor foi a chamada de atención de Alondra porque algún concerteiro decidiu deixar un VHs e claro, os nenos, como ela dixo, non son tan ‘vintage (léase vinteich)’. Ademais, era El sexto sentido…. Polo demais, unha morea de agasallos e un concerto moi bonito, con xente dende os 70 anos ata os dous, o cal o fixo máis bonito aínda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *