O que nos levamos do Culturgal: Top ten dos mellores momentos da feira

Disquecool estreábase este ano no Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, así que a redacción en pleno fixo a mochila e marchou a Pontevedra. Moitos fostes a poñernos cara. Para os que non puidestes ir ata Pontevedra e visitar unha feira que, como dixo unha das nosas disquerredactoras, mola, velaí vai o top ten dos mellores momentos.

1. O noso stand. Que pensabades, que iamos ir de modestas? Foi un dos lugares onde mellor o pasamos de todo o Culturgal, obrigando á xente a saltar no noso photocall (podedes ver os resultados no noso perfil en Facebook) e recibindo visitas do máis variadas. Veunos ver Xabarín, o Zampón (un pedazo monicreque de moitos metros) ou un peixe super tech de Eganet. Ademais, demos servizos de apoio á feira: todo comezou cun correspondente dun diario que probou os sofás, deuse conta de que eran cómodos e quedou toda a tarde a facer a súa crónica, e rematou cunha nai á que lle deixamos que cambiase os cueiros do seu neno. As nosas labores a prol da feira non acabaron aí e unha das nosas disquerredactoras protagonizou o momento máis heroico do Culturgal cando salvou a unha persoa que quedara atrapada no baño.

2. A novela colaborativa. Camilo Franco escoitaba no seu stand do salón a todo aquel que estivera interesado en converterse nunha personaxe de novela. Durante a feira, Franco ía escribir unha historia que ía publicar antes do domingo, derradeiro día do Culturgal 2011. A iniciativa tivo tanto éxito que pasases á hora que pasases por diante do seu espazo, había unha persoa sentada na cadeira confesionario contándolle ao autor as razóns polas que debería ter un papel na obra.

3. O Culturgal que nunca remata. Aínda que a feira pechaba as súas portas ás nove e media da noite, iso non significaba que as actividades acabasen. Todo continuaba en Pontevedra, con concertos ou teatro. A parte do equipo de Disquecool que se achegou ás actividades nocturnas non fixo máis que restregarnos na cara aos que non o ben que o pasaran.

4. Como ser unha estrela da tele. Para todos aqueles que sempre quixeron ser Gayoso e saír na TVG, a CRTVG tiña un remedo. Non se podía presentar Luar, pero si dar a entrada a unha nova impactante no telexornal mediodía. A Galega montou un pequeno estudio para ensinar como se fai o telexornal de cada día e que todos probasen como se lles daba enfrontarse ás cámaras. Para os tímidos ou os mitómanos, sempre quedaba a alternativa de facerse unha foto co Xabarín, posiblemente unha das paradas para foto máis populares do Culturgal.

5. Palomitas!! Para aqueles que estabamos todo o día no Pazo de Congresos de Pontevedra, o arrecendo podía ser unha tortura. A caixiña de mistos non só trouxo ao Culturgal o seu cinema itinerante para nenos, senón que ademais puxo o seu carriño a facer palomitas de mañá a noite. Sempre  había tantos nenos agardando facerse coas súas palomitas que nós non as conseguimos ata o último día.

6. Nenos. Ademais de a por palomitas, os nenos volvéronse tolos cos personaxes dos libros que lles gustan, perseguiron cal fans ao lobo que andaba a dar voltas pola feira (unha disquerredactora tamén estivo a ver se tropezaba con el…), fixéronse co Galeoke e pelexaban para que os seus pais lles mercaran os libros que lles gustaban. O dos libros a nós chegounos á alma.

7. O Galeoke. Posiblemente foi un dos grandes éxitos do Culturgal. O ‘SingStar galego’ atraía ás masas xa que, como lle dixo a unha disquerredactora unha espontánea, “isto é diversión todo o ano”. O punto triste desta historia está noutra disquerredactora, que quería ir cantar pero que non conseguiu partener artístico a pesar de que o pedimos moitas veces no Twitter. Hoxe segue deprimida.

8.Poñer as cousas bonitas. Un dos problemas das feiras é que a xente asume que os stands prefabricados son unha opción xeitosa para deixarse ver. Error! Por iso, gustounos moito que os expositores de Culturgal apostaran pola personalización dos seus espazos para que todos fosen distintos e orixinais.

9. Señoras que… Somos bastante fans das señoras, que nos preguntaron o de ‘e ti de quen vés sendo’, quixeron levar todas cantas disquebolsas puideron e confundiron ás disquerredactoras con persoal da organización de Culturgal. Que unha de nós fose vestida de azafata, como lle repetían os seus compañeiros, non é escusa… Sobre todo porque as dúas disquerredactoras non foron quen de resolver as dúbidas das señoras.

10. Merchandising. Que é o mellor das feiras? Levar bolsas cheas de cousas gratis para casa. No Culturgal podíase un facer con chapas, alfombras para ratos a prol do galego, disquebolsas, algún libro gratis… e ata as laranxas da casa que repartían os de Arinspunk.

*E moito máis do Culturgal nesta etiqueta

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *