Todos necesitamos vitaminas, por iso en inverno tomamos zumes de laranxa e cando sae un raio de sol quedamos baixo el coma lagartos para satisfacer a nosa necesidade de vitamina D. O galego (a lingua, non a persoa!) non é unha excepción. Non toma zumes de laranxa nin toma o sol, as súas vitaminas son distintas. Somos nós, sodes vós.
As vitaminas son axudas para que a lingua non só sobreviva, senón que creza forte e sen enfermidades. E unha desas axudas fundamentais é a dos medios de comunicación que a utilizan porque saben que hai lectores esperando para informarse en lingua galega.
Todos sabemos que nos últimos anos as vitaminas para o galego que proviñan dos medios de comunicación foron facéndose cada vez máis febles coa desaparición de varios medios como Vieiros, A Nosa Terra ou Galicia Hoxe; pero tamén sabemos que, mentres uns caen, outros se manteñen e outros novos aparecen.
Todos estes, os que se manteñen en pé (e os que acabamos de chegar) decidiron poñer en marcha a campaña “Vitaminas para o Galego” para difundir e apoiar a valía destes medios. A primeira fase da campaña, a de recadación de fondos, foi todo un éxito: fíxose mediante a plataforma de crowdfunding Verkami, e a 18 días de que peche o prazo para realizar achegas, o obxectivo xa está máis que superado (aspirábase a recadar 3.300 euros e van xa máis de 4.400).
Pero aínda podes aportar! E como todo proxecto de crowdfunding que se prece, hai recompensa: segundo a cantidade que achegues, levarás chapas, calendarios ou paraugas da campaña (a recompensa maior, que era para quen puxese 1.000 euros, xa está esgotada: esa persoa terá un concerto de Leo i Arremecaghona na súa casa e 5 quilos de percebes de Malpica!!).
Seguiremos informando!
* Os organizadores son a rede de emisoras municipais galegas Radiofusión, Tempos Novos, Galicia Confidencial (GC), Novas da Galiza, O Val Miñor Info, Praza Pública, Terracha Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), Radio Nordés (Cadena Ser Vimianzo) e Que Pasa na Costa. Tamén colaboran na campaña tres xornais comarcais, Crónica 3 da Mariña luguesa, O Sil de Valdeorras e Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia. E nós, claro.