Chovía en Santiago como é costume (é dicir: moito) mentres a xente fóra da Capitol agardaba a chegada dos Lefties Soul Connection. Como se dunha catedral do funk se tratase, todos entramos ao compás das notas do órgano Hammond. O cuarteto holandés comezou a destilar a mellor música que corre polas súas veas. O público, e un servidor, era incapaz de resistirse aos bailes e toda a sala comezou a vibrar. Varias cancións despois, o teclista agarrou o micrófono e dixo “Are you ready for miss Michelle?”. Un unísono “si” contestou sen saber o que acontecería despois.
Foi coa subida de Michelle David cando todo estourou. Cunha potencia de voz envexable, a cantante neoiorquina namorou a unha Sala Capitol que era incapaz de crer o que estaba a escoitar. Nun momento, a cantante separouse do micrófono e comezou a cantar enchendo a sala só coa potencia que a súa voz desprendía. A xente toleou e ovacionou a unha muller que se entregou en corpo e alma á actuación.
Hora e pico de concerto que, certamente, deixou ao público con ganas de moitísimo máis. Pero, era o momento dos Osaka Monaurail. O reloxo marcaba as doce da noite cando os xaponeses aparecían no escenario cunha difícil tarefa: chegar ao listón que puxeran, moi alto, os Lefties Soul Connection.
Comandados por un saxo que dicía cando comezar e rematar, Osaka Monaurail comezou cun par de cancións instrumentais. Sorprendía o carisma e a calidade coa que executaban cada peza. As coreografías milimétricas nas que os trompetistas facían xirar os seus instrumentos ao ritmo do saxo causaron risas incrédulas e aplausos. Entón, unha epifanía: o mesmísimo James Brown uniuse aos Osaka Monaurail!
Chegado do mesmísimo máis alá, James Brown comezou a moverse polo escenario como se cada centímetro fose seu. A versión oficial di que non era o famoso cantante americano senón Ryo Nakata, o vocalista de Osaka Monaurail. Aos poucos segundos de aparecer xa tiña ao público conquistado. Imitando á perfección ao “Padriño do soul” movíase arrastrando toda a atención dun público incapaz de estar quieto. O que veu despois é indescritible: sesenta minutos de funk que remataron o que, sen dúbida, foi unha noite espectacular.
Dous artistas impresionantes aos que precedeu a impecable Barbara Lynn semanas atrás. O Outono Codax Festival rematará o próximo sábado 26 da man de The Chiffons, The Big Jamboree e The Earth Angels.
Fotos | Mattías Monsterkid (Outono Codax Festival)
Neno! esquecícheste dos Niño y Pistola, que tamen deron un concertazo.