Un ano máis, tras moito especular (polo menos nós especulamos moito sobre isto) e desexar, xa sabemos cal será o cartel do festival Voces Femeninas 2013, que todos os anos organiza a xente de Coconut a finais de novembro (coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero). A semana pasada incluíamolo, sen coñecer quen tocaría, na nosa lista de concertos máis esperados para este outono. Agora que por fin temos os nomes, confirmamos que Voces Femeninas é unha desas citas ineludibles do outono galego.
Pero quen? Quen? Quen? Seguro que moitos xa non estades a ler isto e saltastes á parte dos nomes, non vos culpo, eu tamén o faría. Así que deixémonos de parvadas e vaiamos ao importante. As tres artistas que este ano tocarán no Festival Voces Femeninas.
– Anna Ternheim. Esta sueca leva unha chea de anos facendo que todo o que a escoita sinta calafríos, con esa mestura de voz de anxo e letras non tan fáciles. Ten cinco Grammys suecos, o que dá unha idea da importancia desta artista no seu país natal. E a pesar da súa escuridade, quizais sexa a máis luminosa das tres.
– Torres. A Mackenzie Scott seguro que a coñecedes, xa que cando saíu o seu primeiro disco a principios de ano moita xente non podía parar de falar dela e de escoitala. Pitchfork deulle un 8,1 ao seu album e nós, nós descubrimos que é difícil respirar cando a súa música está a soar, alta e desgarradora.
– Lady Lamb the Beekeeper. Xa só co fantástico nome que escolleu Aly Spaltro para o seu proxecto (que chegou a ela, di, nun soño) debería bastar para querer vela. O bo é que ademais desta vez levaríamos unha boa sorpresa: intensidade, escuridade, unha mestura de tradición musical americana e rock, nomes que aparecen ao noso redor cando a escoitamos. Sharon Van Etten, Jack White, Jeff Buckley. E ten xirado con xente como Neko Case ou Beirut. Que ganas.
Voces Femeninas 2013 será o 19 de novembro en Madrid, o 21 de novembro en Ourense e o 23 de novembro en Vigo.