10 concertos para ser felices en outono

scoutQue si, que estes días máis frescos nos que xa podemos poñer medias e catiuscas e rescatar a gabardina que mercamos en abril e nunca usamos (porque pasamos do inverno ao verán directamente) fan bastante ilusión. A chegada do outono sempre é un pouco así, especialmente despois dun verán tan bo como o que tivemos, todos botabamos en falta o arrecendo da terra mollada, todos andamos bastante felices deste outono tan puntual. Pero cando os días de choiva sexan máis, cando os días sexan máis curtos, cando empece a ir máis frío todo cambiará. En tres semanas estaremos fartos de todo isto e suspiraremos pola primavera. Como afrontar un outono máis, todos eses meses fríos e escuros que temos por diante? Con música!

Se es dos que aínda di que “é que aquí non vén ninguén”, mira esta lista. Se es dos que sabe que o outono galego tende a estar cheo de concertos moi interesantes, sabemos que a mirarás. Hai nomes máis coñecidos e pequenos segredos. E si, só son xente de fóra, porque aos de aquí xa os temos máis vistos (que calidade temos de sobra tamén!). Estes son 10 concertos para ser felices este outono:

1. Cansei de Ser Sexy. 9 de outubro, Sala Capitol (Santiago de Compostela), 18 euros. Como parte do ciclo Galicia Importa, as brasileiras CSS chegarán a Compostela coa súa mestura de funk, dance, rock e electrónica co obxectivo de facernos bailar a todos. Presentan o seu último traballo, o primeiro desde que Adriano Cintra marchou do grupo.

2. Mathew Caws. 18 de outubro, Café & Pop Torgal (Ourense). O vocalista de Nada Surf volve a Galicia el só, pero está claro que a súa proposta é igualmente atractiva, xa que as entradas están esgotadísimas. Por que o poñemos aquí, entón? Quen sabe, igual consegues enganar a alguén para que che venda unha entrada, sempre hai esperanza! E dá igual se es dos de Popular ou dos de Always Love, ver a Caws nun lugar como o Torgal sempre está ben. (É parte do American Autumn 2013).

3. Lydia Loveless. 29 de outubro, Salason (Cangas);  30 de outubro, Mardi Gras (A Coruña). Esta rapaciña nacida en 1990 é unha revelación do country alternativo. Criouse nunha granxa en Ohio e o seu pai é batería (toca con ela!), así que compre os requisitos básicos. E ten unha canción que se chama Steve Earle sobre un acosador que se parece, claro, a Earle.

4. Scout Niblett. 31 de outubro, CGAC (Santiago de Compostela). Si, si, si, ela, a que cantaba iso de que todos imos morrer un día repetíndoo unha e outra vez coma un mantra. Que Scout Niblett veña a tocar a Compostela é algo moi grande e ninguén debería perder a oportunidade de vela. Pero por se ela non chegase, no minifestival TriCiclo do CGAC tocan tamén Ainara LeGardon e Fantasmage. Irás, non?

5. The Posies. 7 de novembro, Sala Máster (Vigo). Outros clásicos de culto, Jon Auer e Ken Stringfellow virán a Vigo, así como se nada, como se fose Seattle, e descargarán na Sala Máster (onde? a antiga sala Infierno). E o mellor é que só tocarán temas dos discos ‘Frosting the Beater’ e ‘Amazing Disgrace’. O mellor? Non, aínda hai máis: cada disco será tocado pola formación orixinaria que o gravou. Si, veñen TODOS.

6. Sam Amidon. 8 de novembro, Café & Pop Torgal (Ourense). Máis American Autumn e a oportunidade de ver a este músico de folk para todos os que quedamos coas ganas cando soubemos que estaba planeado que tocase no Sinsal San Simón cancelado. Se es fan de Sufjan Stevens, Will Oldham ou Iron & Wine, intenta conseguir unha entrada (unha vez máis, non temos moi claro que queden, pero xa sabes, vai á revenda!).

7. Youth Lagoon. 10 de novembro, Sala Capitol (Santiago de Compostela). Si, si, Trevor Powers tocará por aquí, e temos que agradecerllo á xente de Sinsal. Dous discos fantásticos, un estilo para o que non valen as etiquetas, e a beizón de Pitchfork (non sabemos se isto é bo ou malo)… outra data imprescindible! (unha máis)

8. Anna Calvi. 14 de decembro, MARCO (Vigo). E isto, que? Un dos hypes dos últimos dous anos, a inglesa Anna Calvi lanza o seu segundo disco a semana que vén. Estará á altura? Todos cremos que si, e poderemos comprobalo en directo no MARCO. Que ganas.

9. The New Mendicants. 8 de decembro, Café & Pop Torgal (Ourense). Joe Pernice (The Pernice Brothers) e Norman Blake (Teenage Fanclub) chegan da man tras acabar ambos por razóns amorosas en Toronto, atoparse o un ao outro, que xurdise un novo amor e pum! Música!

10. Voces Femeninas 2013. Hai datas (21 de novembro en Ourense, 23 de novembro en Vigo) e non, aínda non hai artistas confirmadas, pero confiamos no bo facer de Coconut e en que un ano máis seremos sorprendidos cun cartel delicado e fermoso.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *