O disco da semana: One Breath, de Anna Calvi

annacalvi_onebreathNon mentirei. Custoume subir ao carro dos adoradores de Anna Calvi. O seu disco de debut gustárame, pero dende certa indiferenza subliminal. Todo moi rico, moi bonito, moi ben, pero tardei meses en volver probalo, en volver escoitalo. Non foi un amor a primeira vista, o noso, máis ben unha historia traballada. Pero con final feliz. Anna Calvi rematou por convencerme sen fisuras, pola súa forza incontible, pola presencia da musa, polo nervio desatado. Rematei admirando cada un dos recunchos daquela sísmica aparición. Chegou sen novas regras, cunhas xa escritas por xente como Patti Smith ou Polly Jean Harvey, pero facéndoas súas, autonomeándose digna candidata ao trono das meirandes.

E agora tocaba o maldito e difícil segundo disco. Toda a repercusión acadada, a un paso de que o castelo de naipes se esborralle, a respiración contida, a rumínante pregunta do “será capaz?”. ‘One Breath’ (Domino Records, 2013) mantén o tipo sobradamente, e aínda que o discurso continúa a mesma senda, aquí semella que Anna Calvi consegue, cando menos nas letras, dar unha imaxe máis achegada, máis preto de nós. Unha muller con inseguridades a pesar desa imaxe de poderío que nin Lola Flores en plena forma. Así nolo fai notar en Suddenly, o corte que abre ‘One Breath’ e no que solicita axuda, por medo a caer desa corda frouxa na que leva xa algún tempo presa, deambulando con dificultade. Pode que o éxito provoque vertixe, pero non foi escusa para achicarse.

Nin un só chisco de intensidade perde Anna Calvi nestes primeiros intres de ‘One Breath’. Así, Eliza, un tema xa adiantado hai meses, serve de inmediato para manter a aposta poderosa, a dos decibelios e graves fundindo cos teus latexos. Tan só atopamos o tropezo de Piece by Piece nunha primeira metade case inmaculada, coas fantásticas Cry e Sing to Me amosándonos como ás veces o íntimo pode ser máis que suficiente para acadar a maxestosidade. Unha maxestosidade da que Tristan fai gala sen ruborizarse, aceptando que as guitarras da Calvi poden presumir de exuberancia en canto menos o agardes, cando crías que o mar como prato que deixaran os temas previos non rompería a calma xamais.

Esa tormenta desátase de xeito definitivo coa chegada de Love of my Life, que de tanto poder desborda o mesmo océano. Un corte fantástico, que mira aos ollos a aquelas grandes damas do rock, sen complexo de inferioridade algún, xusto cando Anna Calvi se nos pon tenra nas letras, cando clama por esa inseguridade anunciada. Así ata un final con algún altibaixo, no que Bleed it to Me rescata a unha por momentos desorientada Carry Me Over, pero no que a breve The Bridge non logra pór o final perfecto a un disco máis que notable. Ao disco que confirma a Anna Calvi como una das artistas máis absolutamente imprescindibles da actualidade e que, xa de paso, poderemos gozar en directo dentro de nada en Vigo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *