Era cuestión de tempo. Cando o verme che entra no corpo, cando a droga invade a túa corrente sanguínea, é case imposible de deixar. Hai épocas nas que es quen de saír, de manterte afastado dese vicio, pero a evolución está marcada polas recaídas. Ás veces múltiples, mesmo cando tes cousas fóra que che fan prometer (e mesmo chegar a crer realmente) que nunca máis, volves caer no mesmo erro. Na mesma teima. Esta vez a recaída foi rápida. Nadadora decidía afastarse hai uns meses do mundanal ruído, pero parte do grupo, concretamente a parte con vínculos de sangue, volveu a isto de escribir letras e compoñer melodías. Gonzalo e Daniel Abalo forman Antenas Hacia el Cielo (Autoeditado, 2013), construíndo dende as cinzas da banda anterior, sen saber se isto será un proxecto a curto, medio, longo prazo, ou tan só unha dose doutro tóxico distinto, mentres agardan a se terán oportunidade de consumir o de sempre.
Oito cancións compoñen a volta dos Abalo ao terreo musical, con ‘Antenas Hacia el Cielo’. Oito temas que lembran a moitas bandas, principalmente de finais dos oitenta e comezos dos noventa. Oito cortes con cheiro a Joy Division, á súa evolución a New Order, aos The Cure de Disintegration, ou a uns máis recentes The Radio Dept, nos que Gonzalo semella fixarse continuamente, e que manteñen ese cordón umbilical amarrado a Nadadora. En esencia, Antenas Hacia el Cielo é un proxecto baseado nas guitarras e percusións, como se pode doadamente deducir da natureza dos seus compoñentes, pero cunha carga importantísima do poder acústico depositada nas bases electrónicas. Tanto é así, que mentres Intro dá sinais do que acabo de contarvos, cedendo case o 100% do protagonismo ás bases, como dicindo “isto é o que hai, isto é o que ides atopar”, chega despois El Jardín, onde por fin aparece a voz de Gonzalo, pero logo dun longo camiño con esas bases, agora máis directas, máis violentas, agresivas e contundentes.
Todo é escuro en ‘Antenas Hacia el Cielo’. Mesmo nos temas máis amables, neses que suplican nas letras máis polo amor que polo desengano. Nesas pezas como Todo está iluminado, que promete máis no título que nas melodías, cheas de misticismo e pequena épica. De medos e inseguridades, que enchen de doméstica maxia un tema precioso. Máis directo, seguramente o máis semellante a un single que pariu Antenas Hacia el Cielo, chega Adorable, con letra idéntica no comezo a aquela Deshazte de mí, do último disco de Nadadora. Destas cancións coa que conectas de xeito irremediablemente inmediato. Virtude, ao meu xuízo, que non conserva Tan Cerca, un tema bastante decente pero que en varios momentos ten un ritmo semellante a Adorable, comparación demasiado recente.
Tan só é unha leve dúbida. Dende Una fiesta cualquiera, outro fantástico corte no que aparece Sara Atán, a cantante de Nadadora, protagonizando os coros, ‘Antenas Hacia el Cielo’ retoma un rumbo que, en realidade, seguramente nunca perdera. O rumbo da escasa luz, do amor pola escuridade. Festa que se completa tras Salvajes, meritoria, pero sobre todo por ese fantástico final de Nada será lo mismo, seguramente o mellor tema do disco, unha fantástica homenaxe ao shoegaze dos Nadadora máis introspectivos, da man de tódalas bandas antes citadas. Unha presentación de novo proxecto que deixa moi bo sabor de boca, independentemente da intención de Dani e Gonzalo de levalo adiante de xeito perdurable ou non.