Para a meirande parte dos que leades isto, e mesmo para o que o escribe, Mazzy Star foi un grupo que naceu trala súa morte. Dende que hai dezasete anos saíu á luz ‘Among my Swan‘, o último disco da banda ata hoxe, poucas novas se tiveran deles. Basicamente, a nova de que o deixaban. De que tras acadar ao fin certa transcendencia mediática, non souberon ou non quixeron continuar co seu proxecto. É por iso que cando hai uns meses se anunciou a súa volta con novo disco, ‘Seasons of Your Day’ (Rhymes of an Hour Records, 2013), naceu a dúbida. Demasiados anos fóra para pensar no oportuno dunha reunión. Vale que agora todo o mundo se reúne, e eles tamén o fixeran para protagonizar o seu propio Tour… pero un disco novo? Seguro?
Pero si, eles tíñano claro. Entre outras cousas porque ‘Seasons of Your Day’ é un disco novo de mentira. Con cancións gravadas recentemente, pero con outras que datan mesmo de 1997. Un disco que destaca polo atemporal. Pola nula evolución sufrida por David Roback e Hope Sandoval nestes dezasete anos. Neste caso, a nula evolución é sinónimo de vitoria. Se se pode falar de que Mazzy Star creou un estilo propio hai case dúas décadas, que colleron o relevo de bandas como Cocteau Twins para facer nacer unha etiqueta que daquela nin se coñecía como dream-pop, agora que esa etiqueta está tan de moda, os pais da criatura acaban de dar outra lección de en que consiste. De como se fai, de que pouco fai falla para vestir a unha canción que ten na nudez da guitarra (eléctrica con aroma country, ou acústica), e nunha das voces máis magnéticas nunca coñecidas no pop, os seus elementos únicos e precisos.
Sinais de identidade que se poñen de manifesto nada máis comezar In the Kingdom, con esa guitarra forzosamente resgada polas púa de Roback, e co sabor a morriña que desprende a fantástica voz de Sandoval (casa comigo, Hope). ‘Seasons of Your Day’ ten absolutamente todo o que nel agardabamos atopar. Todo o que un disco de Mazzy Star ten que ter. A calidez errónea de California, a que te fai sentir a gusto nun lugar no que non sempre é doado estalo. A delicada psicodelia de I’ve Gotta Stop ou o caos esgazado de Does Someone Have Your Baby Now?, co nó na gorxa, coa deliciosa sensación de que afogas, se cadra de pracer. Seguramente o corte máis rock de ‘Seasons of Your Day’. Xusto antes de abandonarnos, de deixarnos caer na deriva de Common Burn, xa coñecida, náufragos das augas polas que o remo de Hope Sandoval nos conduce. Nunca chegaremos a mal porto se ela manda.
Un novo elemento aparece entre o minimalismo de ‘Seasons of Your Day’, unha sección de corda que viste os momentos que non están tapados pola voz de Hope Sandoval, e que contribúen con mestría a formar, da man da seguinte Lay Myself Down, outro dos cortes xa coñecidos, seguramente dos máis brillantes do disco, o momento máis redondo de ‘Seasons of Your Day’. Unha balada a ritmo de trobador chamada Sparrow prepara un final protagonizado por Spoon, prescindible sen dúbida, e Flying Low, que a bo seguro lembra máis que ningunha outra o seu disco previo, dezasete anos. Dezasete, un suspiro, ao fin, cando un escoita ‘Seasons of Your Day’ sen poder crer que pasara un só día, que o estado de forma sexa tan insultantemente bo, e que pon sobre a mesa o debate de se a carallada esa da evolución nas bandas é absolutamente precisa. Unha xoia, un agasallo dos que non che dan o día do teu aniversario, dos que menos agardas. Dos que máis gozas.