Ólöf Arnalds: “Sen misterio non hai boa poesía”

Ólöf Arnalds

Chegan hoxe a Vigo tras os dous primeiros concertos en Madrid e en Ourense polo Festival Voces Femeninas. tUnEyArDs e Ólöf Arnalds tocarán esta noite no Centro Cultural Afundación, así que aproveitamos para falar coa artista islandesa da súa música, de creación, de linguas e, por suposto, da fascinación que temos todos con todo o que chega desde Islandia, un país co mesmo número de habitantes que Vigo.

– Que tal os concertos en Madrid e Ourense?

Foron moi, moi ben, o público é moi aberto e receptivo. Gústame tocar en España, sinto que a xente aquí escoita co corazón. Non están a analizar todo o que fas, escoitan de forma aberta e par min iso é moi importante, porque a miña música é moi aberta e moi persoal.

– Estás a presentar o teu novo disco ‘Palme’, que volve a ser en inglés, pero os teus primeiros álbumes foron en islandés…

O inglés é unha lingua que me é moi próxima porque a miña nai naceu e creceu en Londres e a miña familia dese lado e anglofalante. Ademais, decateime de que de todos os concertos que facía, ao mellor só un de cada 150 era en Reiquiavik. E as miñas letras son tan importantes coma a composición, quería poder expresarme a través de palabras coa xente e que entendesen.

– Pero lanzaches tamén unha edición especial en islandés.

Si, porque sei que hai xente que o prefire así. As cancións orixinais estaban en inglés e fixen a tradución.

– E cando empezas a escribir un tema, chega antes o inglés ou o islandés á túa mente?

Penso que agora teño a mesma facilidade para escribir nas dúas linguas. Normalmente fago antes a música, escríboa na miña cabeza antes de intentar tocala. Pero despois a letra fágoa na lingua que decidira, así sen máis.

– Como é o proceso de creación?

Normalmente antes vai a música, pero ás veces as ideas nacen a través das palabras e a música parte de aí, aínda que case sempre chega antes a música.

– E sentes que a música dalgunha forma condiciona a letra?

Si, totalmente. Cada canción ten para min moito de visual, e sei cal é a emoción e sobre que estou a compoñer. Despois trátase de atopar palabras que encaixen e soen ben. E, por suposto, manter o misterio, porque sen misterio non hai boa poesía…

Xa, claro, ademais escribes sobre temas moi persoais…

Claro, hai que codificalo un pouco! E tamén para dar á xente a oportunidade de facer súas as palabras, de que sintan que fala de algo que coñecen. Iso é o que me gusta da poesía, como lle fala de forma diferente a xente diferente.

Pregúntolle se coñece a Elías Portela, o poeta galego que escribe en islandés baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Di que non, pero que non sempre está ao día nas cousas que coñece a xente.

– Lin nalgún lugar que creceras un pouco aislada da música actual do momento.

Si. Agora é distinto, porque abrín con Skuli Sverrisson, con quen traballo e quen toca comigo estos días, unha sala de concertos en Reikiavik, así que alí vexo a moitas bandas e músicos.

– Que escoitabas cando crecías?

Sobre todo música clásica e algo de música folk de distintas partes do mundo, porque a miña nai viaxaba moito. E a música que aprendía na escola de música, claro.

– Onde aprendiches moito… cantos instrumentos tocas?

Toco o violín, a viola, a guitarra, o charango, teño unha harpa koto xaponesa, algo de piano…

– En cal compós as túas cancións?

Case sempre na guitarra. Aínda que escribo na miña cabeza. Normalmente decido  toda a melodía e estrutura de acordes na miña mente. Cando está aí, intento tocalo no instrumento. Sempre estou como intentando chegar a ese algo que está xa acabado no meu cerebro. Escribo música de forma bastante compulsiva…

– Iso estaba a pensar, se non necesitas ter un instrumento na man, o teu cerebro está a traballar de forma constante.

Exacto, case sempre así. Por iso para min é difícil estar rodeada sempre de música, hai música en todas partes: en cafés, aeroportos… Cánsame moito porque tamén necesito o silencio para poder traballar. Penso que é tamén a razón pola que teño sido tan prolífica, catro álbumes desde 2007.

– E como dirías que evolucionou a túa música desde entón?

Sinto que o que estou a facer é ir aclarando máis e máis a miña estética, pero non creo que teña dado ningún paso “grandioso”. Nin sequera con este disco novo, ‘Palm’, no que aparece a electrónica. Pero esa electrónica vén sempre de partes tocadas de forma acústica, é un proceso moi orgánico. O que fago é só xogar coa tecnoloxía, porque está a haber un gran desenvolvemento nese campo, en como conectar o dixital coa vida. É moi emocionante, penso que tanto para a música clásica como para a popular é unha oportunidade moi grande que se está a abrir, unha nova forma de compoñer música. De verdade espero que nos próximos dez anos escoitemos moita música nova e interesante saíndo disto.

Entón coñeces ben todas estas novas tecnoloxías…

Si. Fascínanme as posibilidades. Agora, por exemplo, podes cantar algo e velo transcrito en notación musical de forma automática. Hai cinco anos era algo impensable. E para min é moi emocionante porque sempre tiven problemas para adaptarme á notación, é como un tipo de dislexia. Así que agora isto ofrece máis liberdade creativa.

– Despois está a pregunta clásica sobre Islandia. Non tanto por que dun lugar tan pequeno, co mesmo número de habitantes que Vigo, saen tantos bos músicos, senón por que teñen tanto éxito internacional.

Penso que é porque Björk deu ese primeiro paso e se converteu nunha superestrela, abrindo un mundo de posibilidades para os músicos islandeses. Se ela non se tivese feito tan famosa nada do que seguiu (Sigur Rós, múm,…) tería tido un acceso tan inmediato aos oídos do mundo. E non é xusto! Pero penso tamén que a miña xeración de músicos axudamos a soster este camiño que abriu Björk e agora mesmo os grupos islandeses téñeno case demasiado fácil para empezar.

– Si, agora todo o mundo mira a Islandia, e todos pensamos “se sae de aí, ten que ser cool”.

Si! Pero iso é tamén unha arma de dobre fío, porque pode utilizarse demasiado e rematar por diminuír o interese na música islandesa. Penso que hai unha diferencia, unha cosa é obter ese recoñecemento, que á xente lle interese, pero mantelo, ter unha actividade musical durante varios anos, iso non é para todo o mundo. É un traballo moi duro e non todo o mundo ten os ósos o suficientemente fortes para facelo.

– Ti vives da túa música?

Si. Levo un estilo de vida moi humilde, pero para min é un éxito en si mesmo poder adicar todo o meu tempo á miña música. Tamén son moi cabezona e de verdade quero facelo. E se queres facer algo de verdade, sempre atopas a forma de chegar aí.

– Tamén colaboras con moitos outros artistas.

Si, e quero facelo máis, nos últimos anos foi un pouco demasiado sobre min, quero colaborar máis con outra xente.

– Cal sentes que é a diferencia entre tocar a túa música ou a doutra persoa?

Eu podo ser moi ríxida sobre os detalles, así que o que me gusta de tocar a miña música é que son eu quen manda. Pero tamén aprendo tanto colaborando con xente… aínda que con quen colaboro máis é con Skuli. E por exemplo, estreei unha peza coa Orquestra Sinfónica Islandesa e a miña voz. Foi esta primavera, unha experiencia incrible que me encantaría repetir noutras cidades con outras orquestras.

– E é posible? Estás a falar con algunha?

Si, hai interese en Canadá, e tamén en Estados Unidos. A miña idea para manter a miña carreira non se basea só nos discos. Para vivir sendo músico necesitas varias fontes de ingresos. Tamén para manterse coa mente fértil. Aínda que os concertos son a fonte principal no mundo da música agora mesmo.

– Lembras o teu primeiro concerto?

Si, cantei en público por primeira vez con 12 anos nunha ópera para nenos en Reikiavik, fun Charlie en Charlie e a Fábrica de Chocolate. Era moi flaca e todo o mundo pensaba que era un neno.

– Seguindo niso, algunhas das túas cancións falan de temas de xénero.

É un tema moi grande que non remata nunca. Penso que é bo que se estea a falar máis disto. Tamén creo na igualdade entre sexos, baseada nas nosas diferencias. Espero que o feminismo vaia máis nesa dirección, e non na de finxir que somos o mesmo.

– Volvendo ao tema do primeiro concerto, cando foi o primeiro coas túas cancións?

Con 15 anos, estaba nun grupo con outras rapazas e facíamos as nosas cancións. Estaba aterrada, e aínda o estou cada vez que toco. Pero teño que facelo, necesito facelo. Penso que é unha cualidade esencial, algo que podo notar cando vexo a outras persoas tocar ou cantar, se teñen ou non esa necesidade de facelo.

– E cal é o futuro para ti agora?

Seguir de xira, de momento. E despois quero facer outro disco, quero traballar con Skuli… E cando volva agora a casa en Islandia estou moi emocionada, porque renovei un galpón no xardín e terei alí un estudio diminuto. Está moi ben, porque sempre dependía doutras persoas para isto, para esa tecnoloxía. Danme un pouco de medo os ordenadores, pero quero vencer ese temor (risas)

– Claro, por todo o que está a facer a tecnoloxía pola música!

Si… pero comigo os ordenadores nunca foron moi bos!

* Ólöf Arnalds toca esta noite con tUnEyArDs no Festival Voces Femeninas no Centro Cultural Afundación, en Vigo. É ás 22:30.

* Ólöf Arnads tamén encheu a unha disqueficha!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará