Pouca xente acada o obxectivo de construír unha carreira longa e solvente dende o (case) amateurismo. A boa parte dos grupos que nos gustan, sobre todo do panorama estatal, acábanos devorando as necesidades da vida real, lonxe deses soños de transcender coa túa música. Un dos factores que pode chegar a axudarche é ir pola túa conta. Se a túa carreira é en solitario, tardarás en deixala o que che dure a motivación. Iso, ou que o teu teórico público che dea as costas e te convide a adicarte a outra cousa. Pero claro, para iso tes que ter as narices de sobrarte ti e a túa guitarra para convencer a todo aquel que escoite.
Unha desas extraordinarias carreiras é a que vén traballando Ainara LeGardon. ‘Every Minute’ (Aloud Music, 2014) é o seu quinto disco de estudo, achegándose sempre ao sobresaliente. É o que sucede cando alguén dá a volta ao seu corpo, e deixa tódalas vísceras na superficie. Se a iso lle sumas un talento descomunal, un atopa en ‘Every Minute’ o que era case obvio que ía atopar: outro traballo xigantesco. Confirmando o que se sabía hai tempo: Ainara LeGardon é un dos maiores expoñentes do rock de autor na Península. ‘Every Minute’ está deseñado cunha precisión sinxela. Traballado co puño pechado. Cantado con rabia. Non apto cara escoitas liviáns. Last Day deixa claro que non viñemos aquí a pasar un rato intranscendente, coa voz de Ainara anunciando o apocalipse e entregándose á crueza de No End entre a inquietante liña de baixo e os decisivos golpes de guitarra.
Sempre a guitarra. Non se entende a Ainara se as seis cordas non acadaran ese pesadísimo protagonismo dialéctico. Por momentos, case mirando aos ollos a grandes do xénero, como PJ Harvey ou Scout Niblett, que poderían ter asinado sen inmutarse o berro desesperado de Magnetic ou a contradictoria escuridade de White, corte no que Ainara LeGardon explora o terreo do insano, os aullidos, a noite e o medo. O demente dando caso ao preclaro e Every Minute xogando á inmediatez, ao que entenderiamos por single de presentación.
‘Every Minute’ é un disco curto. Éo en extensión, pero sobre todo éo en impresión. Apenas comezaches a gozalo, e cancións tan fascinantes como In the Woods ou To Each Other tocan ao seu fin. A sensación, entón, é extraña. Cando Speeding South remata, e te des conta de que ‘Every Minute’ morreu, queda certa desazón no teu interior. Como se estiveses espido, exposto a calquera inclemencia ou ataque externo. Terás que buscar o novo abrigo na amargura e o desengano. Un dos mellores discos do presente ano dentro do estado español.