Chegou o día, chegou a romaría. Ese é o refrán que poderiamos usar todos os venres: é o día de facer plans, de mirar na axenda que nos espera e de encher a fin de semana de actividades. Velaquí van unhas cantas que ben poden entrar na lista de cousas cool para facer nos próximos días.
De María Vinyals a María Lluria
A figura de María Vinyals é moi interesante. Foi unha desas mulleres da alta sociedade da España da Restauración, logo foi escritora, política e é unha das nais do feminismo en España. Hai uns meses dedicámoslle un longform no que recuperamos a súa historia e que vos pode axudar a comprender as razóns polas que esta muller mola. Unha exposición en Pontevedra está recuperando a súa figura botando mal dos fondos do arquivo do Museo de Pontevedra. O resultado é fascinante. Fotos (entre elas, unha de aristócratas xogando ao críquet en Soutomaior), cartas (de amor! e destinadas á “miña querida pataquiña”), documentos legais ou libros son algúns dos contidos que se poden ver nunha exposición que bota máis luz sobre a coñecida como ‘marquesa roxa’.
Museo de Pontevedra, ata o 12 de novembro
Museo de Belas Artes da Coruña e a moda
Teñen previstas varias actividades relacionadas coa moda, pero esta é a que máis chamou a nosa atención. Cada sábado, entre mediados de outubro e finais de novembro, organizan visitas guiadas polo museo. No canto de analizar os cadros e as correntes artísticas, analizan como evolucionou a moda ao longo da historia e como pode ser vista na historia da arte.
Museo de Belas Artes da Coruña, ata o 25 de novembro
I Feira Feminista de Outono
Organizan o Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo. Non temos moi claro que forma o programa, pero xa nos captaron só co título do evento. Haberá postos na Praza 8 de marzo, obradoiros, música, degustación de vermús con versos feministas e verbena.
En Ribadeo, o 28 de outubro
E isto é amor
Non todo van ser exposicións! Concerto de Caxade en Ourense.
Café Cultural Auriense, sábado 28 ás 21.30