Plans cool para a fin de semana (20-22 de outubro)

Agora que xa chegaron as esperadas choivas, que o outono é xa de verdade outono, é posible que o plan do que máis gana teñas esta finde sexa ese clásico de sofá, mantiña e libro ou peli ou serie. Non imos dicir que ese sexa un mal plan, pero a fin de semana ten tres días (si, incluímos xa o venres porque que cerebro está activo o venres?) e dúas noites e hai tempo para todo.  Incluso para coller paraugas e saír á rúa a facer todas esas cousas que os nosos queridos programadores culturais, eses descoñecidos, levan meses preparando para nós. Pensa neles. Sae da casa.

Non tes ideas? Nós si. E para que non teñas que pasar o traballo de consultar axendas culturais ou o xornal local e escoller entre toda a oferta, aquí tes a nosa selecta escolla, eses eventos que nos atrevemos a recomendar e aos que nos arriscamos a dar o noso disqueselo de calidade. Son poucos, están nas catro provincias, e hai para todos os gustos. Igual tes que coller tren ou coche ou autobús, pero son plans deses polos que paga a pena ata conducir con choiva.

Festival Internacional Kerouac de Poesía e Performance

Vigo, ata o domingo 22

Levan toda a semana enchendo as rúas viguesas diso que case nunca vemos, poesía, pero aínda queda moito para estes últimos días: hoxe ás 18:30 inaugúrase o Muro dxs poetas, un muro con poemas estampados en azulexos, na Rúa Londres; ás 19h no MARCO estarán The Haiku Guys dende NYC, Meraquia, FF Naval, André de Oliveira, Teatro del Palo, Lupita Hard e Jack Varmen; e a festa continuará á noite a partir das 22h en La Fiesta de los Maniquíes. Mañá sábado haberá tamén programa no MARCO (con, entre outras cousas, un obradoiro para nenos e nenas ás 17:30), unha flashmob e máis a partir das 22h de novo en La Fiesta de los Maniquíes. O peche será o domingo cun vermú poético [inserta emoji de ollos con corazóns] ás 13h no Progreso 41 Urban Market. Máis na súa web.

22º OUFF – Festival de Cine Internacional de Ourense

Ourense, ata o día 27 de outubro

Quen queira cine ten cita imprescindible en Ourense co seu festival que inaugura hoxe a súa vixesimosegunda edición. Ademais das competicións e os focos (este ano serán protagonistas Mariano Llinás, Marília Rocha e Jeannette Muñoz), está coma sempre a programación doutras actividades como concertos (esta finde: hoxe Soledad Vélez e mañá Puma Pumku), exposicións, obradoiros e presentacións. Máis info na súa web.

Exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia»

Monforte de Lemos, ata o 5 de novembro

Dixemos xa algunha vez que amamos a Ruth Matilda Anderson? Si, dixémolo. Esta mostra itinerante coas súas fotos leva xa uns meses xirando por Galicia e estes días, ata o 5 de novembro para no Espazo +60 de Monforte de Lemos. A exposición consta de 68 fotografías tomadas entre 1924 e 1926 en distintos puntos de Galicia e é tan fascinante como parece. Máis aquí.

FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro

Carballo, ata o 28 de outubro

Outubro é o mes do teatro en Carballo: é cando se celebra o FIOT. Levan xa varias semanas, pero aínda queda esta última para gozar dunhas cantas obras. Esta finde, por exemplo, tedes Todo el tiempo del mundo, Arte, Slips Inside, Non hai que ter unha casa para ter pantasmas e Amor de pé. Consultade a programación completa na web, que hai moita actividade paralela tamén.

Blade Runner. The Final Cut.

Multicines Norte, Vigo. Ata o 26 de outubro, ás 20h

Agora que Harrison Ford leva uns anos facendo peto a base de retomar os seus personaxes clásicos (Indiana Jones en 2008 e máis recentemente Han Solo coa última de Star Wars e agora mesmo a volta de Blade Runner), non está de máis volver ás fitas orixinais e lembrar por que causaron tal fascinación. Se é en pantalla grande, mellor. Este Blade Runner. The Final Cut é a versión restaurada e reeditada por Ridley Scott en 2007 do que el tería feito en 1982 co material que filmou.

Paseo pola Coruña literaria de Agustín Fernández Paz, con María Jesús Fernández

A Coruña, 21 de outubro de 12 a 13:30h

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) leva un tempo organizando estes paseos literarios. Este sábado toca lembrar a Agustín Fernández Paz e A Coruña dos anos sesenta cun percorrido polos escenarios da novela A viaxe de Gagarin, derradeira que o escritor dedicou ao público lector adulto. É necesaria a inscrición previa, así que non o deixes pasar e envía un mail xa. Tes aquí toda a información.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *