Ruth Matilda Anderson e a Galicia de hai 100 anos

A historia de Ruth Matilda Anderson é moi interesante. Anderson era unha fotógrafa, unha á que lle encargaron vir a España facer fotos pintorescas para logo publicalas en Estados Unidos. O encargo era cousa da Hispanic American Society, que quería quedar cun recordo da España enxebre que estaba a desaparecer (a tendencia a facer estas fotos era xeral en Europa). A Anderson tocoulle fotografar Galicia e ata aquí chegou en 1924 acompañada polo seu pai. Percorrerá Galicia entre o ano 24 e o 25, buscando as cousas típicas e gardándoas en instantáneas. Uns anos despois volverá cunha das súas compañeiras fotógrafas, para ampliar as imaxes de Galicia que tiña feito. Das súas viaxes quedaron 5.000 fotografías, que foron recuperadas en parte hai uns anos nunha exposición que recuperou para o gran público a Anderson.

Descarga dun barco con marea baixa en Noia

As fotografías de Anderson resultan fascinantes agora mesmo polo mesmo que lle fascinaban aos seus contemporáneos. Son capturas dun mundo pasado, unha fiestra a un escenario que xa non existe. Por iso, cando apareceron espertaron moito interese. O primeiro artigo no que falabamos desta fotógrafa é, por exemplo, un dos máis populares publicados en Disquecool. As fotografías de Anderson apareceron nos últimos tempos en calendarios, foron recuperadas en artigos e galerías e o catálogo da exposición de hai uns anos é un deses libros esgotados que todos queriamos ter.

Casas no Vigo dos anos 20

O traballo de Anderson volve agora outra vez a percorrer Galicia. Afundación organizou unha exposición dunha selección de fotografías das realizadas por Anderson nesas viaxes, que se pode ver estes días en Vilagarcía de Arousa.  En total, a mostra inclúe 70 fotografías, que abarcan diferentes recunchos da xeografía galega, dende o Vigo no que Anderson e o seu desembarcaron (e deixaron abraiados ao persoal da aduana co seu equipo de fotografía) ata a Noia na que viron como cargaban os barcos, por poñer dous exemplos. Anderson aprendeu tanto galego e castelán mentres recorría Galicia, o que lle permitiu achegarse aínda máis ao día a día dos seus habitantes.

Coa exposición tamén chega o catálogo, que Afundación acaba de reeditar e que ten todo o aspecto de ser un absoluto obxecto de desexo. Custa, iso si, 50 euros (algún día habería que investigar porque os catálogos das exposicións son sempre tan e tan caros), polo que eu non perdo a esperanza de que alguén en Afundación se convenza de que son unha superinfluencer e mo mande a casa como agasallo. Mentres iso non pasa, terei que visitar a exposición. En Vilagarcía estará ata o próximo 11 de xuño, pero despois percorrerá outras vilas galegas. Como nos apuntan dende Afundación cando lle preguntamos, a exposición estará en Rianxo, do 20 de xuño ao 22 de xullo e en Ribadeo, do 28 de xullo ao 26 de agosto.

Fotos | The Hispanic Society of America

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *