Algunhas cidades de Galicia son como una especie de exemplo do que podería ter sido e non foi por culpa da piqueta. É o caso de Vigo, onde a lista de edificios desaparecidos e que deixaron paso a espantosas moles de formigón é inmensa. En Santiago de Compostela, sexa pola razón que sexa, non hai unha historia tan brutal de desaparición de edificios por mor da chegada dos tempos modernos e do formigón armado. Sen embargo, co paso do tempo si foron desaparecendo algunhas edificacións, máis ou menos choradas. Non hai moito, nunha exposición sobre a vida en Santiago nos anos 30, vin unha fotografía sobre como era entón a estación de Cornes e non puiden deixar de sorprenderme. Non tiña nada que ver coa que hoxe coñecemos como tal.
Ao longo das décadas e dos séculos foron desaparecendo moitos edificios e moitas edificacións. Por exemplo, no século XIX desapareceron as murallas que rodeaban á antiga cidade e hoxe só temos uns poucos restos. Non foi o único que caeu. O que segue son uns cantos exemplos de edificios desaparecidos, aínda que por suposto non son todos os que poderían ser.
Estación Castromil
É o máis coñecido de todos os edificios desaparecidos de Santiago de Compostela, posiblemente porque sobreviviu ata non hai tanto (foi derrubado nos anos 70) e porque era unha das mostras de arquitectura modernista. Foi construido nos anos 20 do século XX e foi, antes de ser o edificio Castromil, o Quiqui-Bar (na prensa da época hai anuncios). Agora aí hai un parking…
Pazo de Altamira
Ninguén que coñecedes o recorda porque o tiraron no século XIX. Era o lugar no que vivía a escritora Francisca Isla cando era pequena alá polo século XVIII. Era un pazo medieval, cunha horta duns 5.000 metros cadrados. Hoxe está nesa zona a Praza de Abastos.
Edificio da Inquisición
Onde está agora o Hotel Compostela estaba no pasado a sede da Santa Inquisición en Santiago. O edificio é do século XVIII, como lembraban nun artigo no Caderno de Estudos Galegos, e sobreviviu ata 1913.
Teatro Cine Royalty
Unha vez que tiraron o edificio da Inquisición, non comezaron a levantar o hotel Compostela que hoxe coñecemos e que pecha a Praza de Galicia (o hotel non sería levantado ata finais dos anos 20). Entre medias, nese lugar houbo un teatro cine, tamén de aspecto modernista como o defunto Edificio Castromil. O teatro cine comezou a funcionar no 1921, aínda que o edificio é anterior (usaron a fachada dun garaxe).
Pazo dos Condes de Priegue
Chegou ata 1924 nas Casas Reais. Agora hai un edificio dos anos 20, que hai uns anos estaba á venta por bastantes cartos.
Sanatorio Baltar
Estaba na hoxe Zona Nova a principios do século XX.