Como perder peso seguindo unha fabulosa dieta victoriana

Un deses artigos que aparecen de forma recorrente nos medios en certos momentos do ano (antes do verán, despois dos atracóns do Nadal…) é o da dieta milagre que axudará a perder peso e perder eses quilos que nos din no parágrafo un que temos de máis (vedes que ben o estou facendo?). Pero o certo é que o de perder peso e facer dieta non é nada novo e non é absoluto unha invención dos medios e dos libros modernos. Pode que cen ou douscentos atrás non houbera dieta Dukan (ou a que sexa que estea agora de moda), pero había outros equivalentes.

Como lle recomendaban ás mulleres  do século XIX perder peso? (si, eran consellos para o público feminino, pero asumamos que todo o mundo pode seguir o que din). En Unmentionable, de Therese Oneill, un fascinante libro que merece (moito!!) ser lido e que e que é a guía da dama victoriana para o sexo, o matrimonio e os costumes (ben, é o resume que unha xornalista contemporánea fixo de todas esas guías), aparece unha desas recomendacións para perder quilos.

Todo comeza a primeira hora, cando hai que saír da cama, abrir as ventás e respirar profundamente o aire frío da mañá. Logo habería que dar unhas cantas marchas (tipo camiñando a paso rápido) polo cuarto coas mans nas cadeiras. Unha vez aireadas, hai que pechar a ventá (tampouco hai que se pasar coa ventilación…) e meterse rapidamente no baño. Nada de ducha (deixádeme que me ría de vós reconvertidos en damas victorianas pensando que poderedes tomar unha ducha!), senón que hai que tomar un ‘baño de esponxa’. Vamos, o que o teu avó chamaba lavarse por parroquias. Vaste lavando coa esponxa e por anacos e despois hai que secar frotando enerxicamente cunha toalla que sexa pesada. Unhas fregas de alcohol despois do proceso serán o toque definitivo para perder peso (e cheirar divinamente!).

Por suposto, a dietas e os réximes de adelgazamento non funcionan simplemente tomando aire e frotando o corpo con alcohol. Hai unha pregunta moi importante que responder: Que comer? Nada de azucre nin de pan, salvo tostadas: iso era o que recomendaban nesta dieta victoriana. As tostadas si están permitidas (se chamuscas o pan xa lle quitas calorías?) pero mellor se a auga se consume de forma escasa. A auga é un líquido do máis pesado!! “Non bebas moita auga. Un pouco de zume de limón engadido fará que engorde menos”, era o truco.

Os consellos un tanto delirantes non só aparecían nos manuais para mulleres en inglés, senón que tamén poden ser atopados lendo os manuais de urbanidades que se publicaban en España. En Cien años de urbanidad en España, de Amado de Miguel, un libro que recolle (como moita menos gracia que Oneill, por certo) o que incluían estes textos podemos atopar unhas cantas receitas e recomendacións para perder peso.

Nun libro español de urbanidade de 1899 escribían: “O pan é o alimento por excelencia. O chocolate é moi alimenticio, dixerible e convén a todas as persoas”. Para eles o malo eran as laranxas, que “nutren pouco” e costa dixerilas, e os queixos frescos, de tamén difícil dixestión. Unha dieta de 1930 dun médico estranxeiro pero dun libro publicado tamén en España recomendaba para perder peso o seguinte: comer catro ovos cada día. E unha dieta dos anos 20 recomendaban beber ao día medio litro de auga do Pilar de Zaragoza.  Non teño moi claro que é exactamente este tipo de auga (auga sen máis colleita ao lado da basílica?), aínda que se fora auga do Carmo sería moito máis emocionante (basicamente era auga con herbas e moito, moito alcohol).

Se nada disto funciona, sempre quedan as pílulas e outras menciñas adelgazantes. Na época estaban feitas con cousas tan inocuas como cocaína ou arsénico.

Imaxe

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *