Axenda cool para a fin de semana (10-12 de novembro)

Xa coa calefacción acendida e a sensación de que por fin está aquí o outono (aínda que falta algo… chuvia, chamábase?), os días fríos de novembro cheiran a castañas asadas e murmurio de xente saíndo do cine. Especialmente, claro, se estamos en Santiago. Se aínda non tes plans para esta fin de semana ou se os tes pero sospeitas que igual hai algo mellor, estás no lugar perfecto. Un venres máis, velaquí vai a nosa pequena disqueaxenda oficial.

#Cineuropa31

É necesario dicir algo sobre Cineuropa, o festival de cinema de Santiago de Compostela que celebra este ano a súa 31ª edición? É o evento por excelencia do novembro compostelán, no que distintas salas (Teatro Principal, Salón Teatro, Multicines Compostela, NUMAX) énchense de filmes independentes europeos, estatais e galegos, perfecto para descubrir a nosa nova película favorita. Este ano o Premio Cineuropa será para Leonardo Sbaraglia.

Ata o 28 de novembro en Santiago de Compostela. Máis información.

Día das librarías

Hoxe! Necesitabas unha escusa para pasar por unha libraría, percorrer os andeis, ollear uns cantos libros e saír cunha bolsiña chea de lectura nova? Aquí a tes. Estarán abertas ata as dez da noite, haberá un 5% de desconto e moitas terán actividades especiais. Así que xa sabes, pasa pola túa libraría favorita e deixa que te sorprenda.

10 de novembro. Máis información.

Igloo

Será a presentación oficial do seu novo traballo, Aquellos maravillosos daños (houbo un par de concertos privados antes, pero non os contamos), o seu sexto disco. Eles din que as cancións que hai neste novo álbum son as mellores da súa carreira, pero admitamos que non son a fonte máis fiable. Moito mellor pasar pola Fábrica de Chocolate mañá e ver como soa en directo!

La Fábrica de Chocolate, Vigo. Máis información.

Por feiras e mercados

Os arquivos son un lugar marabilloso cheo de tesouros. Eses tesouros poderían estar gardados e, en definitiva, arquivados sen máis, pero afortunadamente de cando en vez saen á luz en forma de exposición. Neste caso, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo presenta unha expo de 60 fotografías que amosan e explican como eran as feiras e os mercados entre 1914 e 1986 e o seu papel como impulsoras tanto da vida económica como social nas vilas. Antropoloxía pura!

No Arquivo Histórico Provincial de Lugo ata o 31 de xaneiro. Máis información.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará