Moito antes da aparición das noticias falsas xa existían o asasinato de Kennedy e as teorías conspiratorias sobre este. Teorías que seguen tan vivas como hai medio século. A proba é que os seus defensores se lanzaron a escudriñar os 2.891 documentos desclasificados polo goberno estadounidense o 26 de outubro en busca de probas que confirmen as súas teses.
O feito de que o goberno estadounidense agardase ata as 19:30 horas do último día do prazo de 25 anos para romper o lacre desta información non fai máis que alimentar as conxecturas. Se a iso lle engadimos que, nun xiro de guión inesperado, o presidente Trump anunciou o mesmo día 26 que ía retrasar outros seis meses a publicación dunha parte dos documentos por motivos de seguridade nacional, pois como para non sospeitar.
O último lote de papeis desclasificados céntrase nas pesquisas da CIA e do FBI tanto antes como despois do asasinato de JFK, e demostran que as dúas axencias sospeitaban das intencións de Lee Harvey Oswald, ao que vixiaban dende moito antes do magnicidio. Con todo, non queda claro por que os axentes non tomaron esas sospeitas o suficientemente en serio como para deter a Oswald e evitar así a morte televisada máis célebre da historia.
Se ben foi Lee Harvey Oswald, un ex-marine cun pasado violento, quen disparou contra Kennedy (tamén hai quen pensa que isto non é de todo certo), non se sabe se actuou só ou formou parte dun complot. E como avivar as cinzas do pasado sempre está de moda, velaquí un repaso polas principais teorías conspiradoras sobre a morte de JFK:
A mafia, un clásico que nunca morre
Hai quen cre que foi a mafia a que ordeou desfacerse do presidente en vinganza polas leis represivas impulsadas polo seu irmán, o fiscal xeral Bobby Kennedy.
Disque Oswald tiña lazos co crime organizado e que Jack Ruby, o propietario dun clube nocturno que matou a Oswald na comisaría de policía de Dallas, limitouse a cumprir o encargo dos líderes mafiosos, preocupados por se o acusado falaba de máis. De feito, na súa declaración, Oswald insistiu en que el non era máis ca un patsy, é dicir, unha cabeza de turco, pero non dixo de quen.
Aínda que están probados os favores mutuos entre o clan dos Kennedy e Sam Giancana, xefe do sindicato do crime de Chicago, ata agora non se puido demostrar que fose Giancana ou algún dos seus socios os que mandaron asasinar a JFK. Un apunte interesante: Giancana foi valedor de Frank Sinatra, que á súa vez era moi amigo de Kennedy. A que non imaxinas quen mediou entre o capo e o político…? Pois si, o cantante.
A nai de todas as conspiracións: a CIA
Esta teoría é tan famosa que ata ten páxina propia en Wikipedia. Se a CIA sospeitaba de Oswald, por que o deixou moverse libremente? Foi unha neglixencia ou acaso aos espías non lles importaba moito que desaparecese o presidente? E por que ocultou a CIA información á Comisión Warren, encargada de investigar o suceso?
Os historiadores esperaban que os documentos desclasificados o 26 de outubro aclarasen que pasou na suposta viaxe de Oswald á Cidade de México dous meses antes do asasinato, un episodio que a CIA segue a empeñarse en ocultar á opinión pública.
Malia todo, eses papeis aínda non saíron a luz, como tampouco o fixeron os relacionados con dous espías da CIA implicados tamén no escándalo Watergate, Everette Howard Hunt Jr. e James McCord, quen, segundo algunhas liñas de investigación, integraron o complot para asasinar a Kennedy.
Pero por que querería a CIA matar ao presidente? O certo é que motivos non lle faltaban… A relación da axencia con JFK era turbulenta dende que este se negara a mandar apoio aéreo ás tropas que levaron a cabo a falida invasión da baía de Cochinos. Hai teóricos que opinan incluso que membros da disidencia cubana formaron parte da conspiración, fartos das promesas incumpridas de JFK.
Ademais, Kennedy tiña previsto reducir o orzamento da CIA como parte dun plan para aplacar a tensión co bloco soviético e barallaba a retirada das tropas estadounidenses de Vietnam, un panorama que arrepiaba aos servizos de intelixencia.
Lindon B. Johnson: o eterno segundón
A pesar do “bo rollito” aparente entre Jackie e Johnson despois da morte de JFK, ela sempre o tivo claro: o vicepresidente foi a cabeza pensante detrás do asasinato do seu marido. É certo que el tiña moito que gañar coa morte do seu xefe, e non esquezamos que o magnicidio ocorreu en Texas, o estado de procedencia de Johnson. Ademais, en Washington eran máis ca coñecidas as súas discrepancias en políticas clave como os dereitos civís ou a guerra de Vietnam.
Un tipo escuro que non soporta vivir á sombra dalguén máis atractivo e carismático e que decide acabar con el. Sen dúbida, é un cóctel fantástico para un thriller apaixonante, pero a verdade é que nunca se chegou a probar a implicación de Johnson e tampouco parece que os documentos pendentes de saír á luz pública vaian cambiar isto.
O que si indica un dos arquivos desclasificados o 26 de outubro é que un informante do FBI asegurou que o Ku Klux Klan tiña probas documentais de que Johnson fora membro da organización, aínda que o FBI nunca chegou a obter as devanditas probas.
Fidel Castro
El sempre o negou e parece que os investigadores estadounidenses tamén o descartaron. Segundo un informe preliminar do Comité Selecto da Cámara de Representantes sobre Asesinatos, era pouco probable que Castro matara a Kennedy porque, de ser descuberto, “daría aos Estados Unidos a excusa para destruír Cuba”. O risco era demasiado alto.
O que si houbo foron operacións da CIA para acabar con Castro que contemplaron métodos pouco ortodoxos, como que unha persoa da súa confianza lle regalase un equipo de submarinismo infectado coa bacteria da tuberculose ou que un espía escondese unha carga explosiva debaixo dunha cuncha para que estoupase en canto Castro a levantase.
Os iluminados
E se a JFK o asasinou unha sociedade secreta que dende hai séculos controla o mundo? Se os hai que cren nos Reis Magos, na rapaza da curva ou en E.T., por que non crer nos Illuminati?
Ao parecer, á todopoderosa organización herdeira da Ilustración bávara non lle sentou nada ben que Kennedy tentase reforzar a supervisión da reserva federal e tampouco estaba de acordo coa retirada de tropas de Vietnam que o presidente estaba a estudar. Un dato interesante: Lady Gaga e Barack Obama serían membros dos Illuminati (ou non?).
En realidade quen matou a Kennedy foi…
… o estado de Israel? Os extraterrestres? Un home cun paraugas negro que deambulaba pola praza Dealey ese fatídico 22 de novembro…? 54 anos despois seguimos sen sabelo. E semella que pasará moito tempo antes de que cheguemos a coñecer a verdade.
Para acougar a túa alma curiosa, recomendamos dúas películas fantásticas coas que coñecerás mellor este episodio histórico e pasarás un bo anaco. Son JFK, de Oliver Stone, e Jackie, de Pablo Larraín.