Unha das cousas que trae escribir en Disquecool é que se vas pola rúa, ves unha tenda que te chama a atención e que é moi “publicable” podes entrar tan feliz e investigar todo o que o teu corazón che diga (e asaltar a preguntas á pobre persoa que estea dentro).
Foi o que me pasou paseando por Porriño, a onde fun para algo que non tiña nada que ver con isto e onde acabei preguntando ao responsable dun ultramarinos pola historia dunhas vigas de madeira. Todo empezou por casualidade, cando pasei por diante dunha tenda de aires retro e con look-and-feel moi de tenda portuguesa (si, na redacción xa temos categorizada ese tipo de tenda tan habitual nas cidades portuguesas con aires retro ou medio industriais, estantes altos e produtos únicos). Entrei.
A tenda chámase Chicoria e é, en realidade, un ultramarinos. Non é un ultramarinos clásico no sentido de que leve décadas aberto pero si o é no punto de que recolle o seu espírito e o tipo de produtos que os ultramarinos de sempre teñen á venda. “É produto fresco e ecolóxico”, explicábame o responsable cando lle preguntei que vendían, “con marcas da zona”. E teñen tamén “produto de horta”. Pasear pola tenda deixa claro a primeira vista esa identidade. Hai moitas cousas frescas e de tempada (que eran a esencia das tendas de barrio de toda a vida).
Tamén hai moito viño, por certo. Isto destacámolo ademais porque fan catas de viño (mellor preguntarlles directamente a eles cando). Teñen unha pequena terraza interior e unha pequena barra de cafetería con mesas, pero ese recuncho é máis ben para un café ou unha cervexa (e non para ir tomar almorzos ou merendas como eu asumín –levada polas miñas paixóns e a forza do subconsciente, claramente– cando vin as súas mesiñas).
Ademais do que venden, Chicoria chama a atención tamén polo seu aspecto (que si, lembremos, foi o que nos fixo entrar). Teitos altos, vigas de madeira á vista, un aspecto retro… O espazo ocupa unha antiga xastraría que estivo anos pechada, explicábanme cando lles preguntaba polo tema, nun edificio con historia. A tenda está nun lateral dunha das casas indianas que se conservan na zona e formaba parte no pasado da estrutura de servizos do edificio.
No pasado foi a casa do servizo e tamén as cocheiras. Á hora de abrir o espazo para facer a tenda, os seus responsables mantiveron a arquitectura tradicional do lugar. Cambiaron o chan, dicíanme, pero simplemente abriron o teito e mantiveron as vigas, que son por tanto orixinais e centenarias.
E si, Chicoria leva xa tres anos aberta, pero nunca é tarde para descubrir estes espazos. Está na rúa Manuel Rodríguez, 6.