Estamos en Galicia obsesionados cos deshumidificadores?

Comprei o meu primeiro deshumidificador en xaneiro de 2016. Lembro perfectamente a compra, o que me pasa con moi poucos electrodomésticos dos que fun adquirindo co paso dos anos. Aquel era un deshumidificador mini, polo prezo e polo tamaño. A pesar de todo iso , creo que foi a vez que me sentín máis adulta en toda a miña existencia. O meu primeiro deshumidificador foi o gran fito do adulting (moito máis que facer a miña primeira declaración da Renta!). Este inverno merquei outro deshumidificador, moito máis caro, moito máis grande e cun programa especial para secar a roupa (que é milagroso!). A primeira vez que o acendín acabei compartindo un vídeo no chat de Whatsapp familiar con todas as súas funcionalidades.

Ter o teu propio deshumidificador é un marcador de entrada na vida adulta, insisto, pero tamén un símbolo de galeguidade. É a miña clara reflexión baseada nas miñas experiencias vitais (que teñen un valor estatístico elevadísimo, seino). Lembro cando me mudei a Madrid e atopei unhas misteriosas cuncas colgadas dos radiadores. Acabei preguntando ás miñas compañeiras de piso que raio era aquelo. Eran “humidificadores” dixéronme. A min parecéronme unha cousa marciana. A elas sorprendeulles notablemente que nunca vira tal cousa antes. Pero… quen precisa algo así no inverno galego?

Os deshumidificadores son unha sorte de constante nas casas galegas, un electrodoméstico recorrente e que sempre atopas funcionando nalgunha esquina. Seguramente, se decidísemos dar conversación falando deles, a xente acabaría dando as súas historias e recomendacións sobre que funcionalidades son as mellores que se poden ter. E posiblemente sería fascinante descubrir cando chegaron a Galicia e como comezaron a venderse, mensaxes de marketing mediante.

En Galicia amamos os nosos deshumidificadores e é un feito. Teño ata un estudio que o demostra.

Este verán, un portal de comparación de prezos (idealo.es) fixo un deses estudios clicables sobre España e as súas cousas. Analizaron as pautas de navegación dos españois para determinar cales eran os seus electrodomésticos favoritos e fixo estatísticas por rexións. A única comunidade autónoma que profesou o seu amor polos deshumidificadores foi… Galicia! Como sinalaban na nota de prensa “no Mediterráneo preocupa a calor e en Galicia a humidade”. Os deshumifidicadores son os electrodomésticos máis buscados en Galicia, fronte aos que gañaban noutras comunidades (Castela e León aposta polas campás extractoras, Canarias polas placas de cociña, Madrid polos microondas e Murcia polas cafeteiras).

Por suposto, decidida a completar estes datos con afán científico, decidín analizar vía Google Trends as tendencias de busca online. Galicia é abrumadoramente a zona na que máis información se busca en España sobre deshumidificadores en Google. 100 é o valor da zona que máis buscas realiza: é o que logra Galicia, superando a Cantabria (87) e Asturias (80).

Foto | Pixabay 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *