3 axendas para organizar mellor 2020

Ano novo, vida nova! É o momento de facer un novo listado de plans para o novo ano (que sabemos que nunca se acabarán por cumprir) e tamén de estrear moitas cousas. Haberá quen estree unha subscrición ao ximnasio, quen decida cambiar de dieta ou quen empece a mirar billetes de tren para viaxar máis este ano (e máis verde). E haberá quen hoxe estea empezando unha nova axenda. Porque unha das cousas novas que trae o ano é, claramente, a de comezar unha axenda. O difícil é, de feito, escollela.

Por iso, nós arrincamos o ano seleccionando tres axendas que permiten organizar mellor este 2020.

Anatomía de xeiras, feiras, angueiras & leceres do ano 2020

É esta a nosa axenda favorita das que publican as editoriais galegas? É. Esa é a nosa confesión.

O deseño da cuberta é tan bonito e marabilloso que dá ata un pouco de pena comezar o seu uso e enchela de garabatos e máis cousas mal escritas a boli. Pero unha axenda ten que sufrir e non se pode gardar nun dos estantes para a súa adoración…

Esta axenda, de Irmás Cartoné, inclúe ilustracións de personaxes da literatura universal e citas literarias. É unha axenda a semana vista con espazos adicionais para facer listas.

Na web da editorial xa está esgotada (buscade en librarías!), pero para os que cheguen tarde teñen un calendario anual igualmente ilustrado.

Axenda Dietario 2020

A axenda de Xerais vai a día por páxina e ten un aspecto máis formal (menos cores na capa!). No interior, iso si, non só hai espazo para marcar o que importa para cada uno cada día, senón tamén calendarios útiles (como un fiscal), información do ano (festas, celebracións o fases da lúa) e, o máis interesante, efemérides galegas para cada día da semana.

Xerais, por certo, tamén saca cada ano un calendario ilustrado (unha opción para os que non usan axenda, pero queren ten unha visión en soporte físico do mes e do ano). O deste ano está ilustrado con 12 fotos do arquivo do Museo Massó, que capturan o traballo das mulleres da industria conserveira galega nos pasados anos 20.

Galegas entre fogóns

A axenda feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade (que se pode mercar nalgunhas librarías repartidas por toda Galicia) conta este ano cunha nova edición que, como explicaban no seu Facebook, quere “por en valor a creatividade” das cociñeiras galegas. A axenda inclúe así unha selección das mulleres destacadas da cociña galega. A ilustración da capa –de  Iriaribadomar– está  inspirada nos azulexos da cociña da súa avoa.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *