3 cafeterías ‘modernitas’ en Vilagarcía de Arousa

Recoñecemos que empezamos a ter unha relación un tanto complicada coas cafeterías modernitas e co feito de que vaias onde vaias empeza a haber xa o mesmo estilo de espazos, facendo que pouco importe onde estás como para atopar un espazo por ‘ese’ estilo.

Unha vista de Stocolmo 2.0

Recoñecemos tamén que, a pesar de todo, acabamos gravitando cara ese tipo de espazos e que nada nos fai máis felices que un café rico, unha carta de cócteles e unha decoración coidada.

Cando acabei falando cos demais membros da redacción sobre as cafeterías cool que visitara unha tras outra nunha tarde en Vilagarcía (se coma min hai séculos que non ides a Vilagarcía, que saibades que agora hai unha chea de rúas peonís e un montón de bicicletas), defendinas a capa e espada. Así que agora toca compartir o que vin con vós.

Ademais de estar na zona peonil da cidade, estas tres cafeterías están a tiro de pedra (de verdade, de verdade) unhas das outras. Podedes facer unha peregrinación polas cafeterías sen moito esforzo.

Stocolmo 2.0

Se buscas en Google cafeterías retro en Vilagarcía, o buscador manda que vaias directamente a esta (e isto é 100% verdade). Decoración de sofás, espellos vellos, lámpadas doutra época e grandes mesas de café forman a esencia deste local. O café estaba riquísimo e teñen carta de doces. Perfecto para a hora do café, da sobremesa ou da merenda.

Rúa Valentín Viqueira, 3

Diurno

Tamén teñen menú de almorzo (que non probei pero as fotos en internet son bastante sedutoras) e cousas doces, carta de cócteles (con e sen alcol, moi agradable a limoada de amorodos) e unha decoración cool. É dun estilo diferente. Se a anterior cafetería (a dous metros desta?) aposta polo retro, este é máis planta-chic.

Rúa Méndez Núñez, 4

El Trastero

Na vosa dereita está El Trastero, na esquerda Diurno

Non nos deu a vida para máis e tivemos que cheirar sen probar, pero El Trastero é o terceiro café cool na mesma zona de Vilagarcía. Este é de aire industrial pero ten unha oferta un pouco máis ampla porque ten carta de comidas.

Rúa Valentín Viqueira, 3 (non, non é unha errata)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *