Waco Coffee: O café gourmet xa chegou a Galicia

Cando aínda viviamos no mundo pre-covid e ir a Portugal era do máis doado, volvín dunha das habituais peregrinacións a Porto cunha iluminación.  A próxima gran moda ía ser o café gourmet. A miña iluminación estaba baseada en datos. Pola cidade comezaran a abrir cafeterías estilosas que usaban a calidade do café como punto de atracción. Por suposto podías ir por moitas outras cosas –que ter tiñan pasteis e brunch e todas esas trapalladas que amamos– pero o elemento clave era o sabor do café.

A ruta dos cafés sibaritas estaba repartida por toda a cidade. Debías asumir que ías pagar polo café moito máis que  nun bar calquera, pero tamén que o que che ían servir sería superior á media. Nunha delas, Bird of Passage Coffee, foi onde me botaron o primeiro sermón deron a primeira explicación sobre por que non era preciso botar azucre no café. Recoñezo que ao principio tiven que loitar fortemente coa tentación de poñer os ollos en branco –non saberei eu que non podo vivir sen azucre no café…– pero  a verdade que tiñan razón e realmente o extra era innecesario. O sermón fora en verdade o discurso experto de alguén apaixonado polo seu traballo.

Ese boom dos cafés roaster ou do café especializado non estaba alleo ás tendencias modernitas que circulaban polo mundo. Os analistas de mercado levaban, de feito, avisando xa algúns anos do potencial do café de alta calidade e da potencial boa reacción do público. A idea non era só a de mellorar a calidade do café, senón tamén a de como se fai e como se serve ao cliente. Basicamente, era unha de tantas cuestións que agora resaltan o poder da experiencia.

Toda esta recapitulación do que xa contaba no pasado ven porque o café especializado xa chegou a Galicia: tropecei con el na Coruña por pura casualidade. Hai unhas semanas fun á Coruña ver unha exposición e decidín premiarme cun brunch. Fixen entón algo que non debería confesar aquí para manter unha certa aura de periodista ao fío da novidade, que é o de buscar en Google algún listicle con recomendacións. Como estaba bastante preto e tiñan ovos benedictine –que era o que desexaba con paixón– acabei en Waco Coffee. O local é bastante pequeno, aínda que ten terraza, e está na rúa Alameda. Pedín os meus ovos e o meu café con leite e reclamei o azucre que non me puxeran cando mo deixaron todo na mesa.

Vivín unha sorte de déjà-vu, con cambio lingüístico. A camareira explicoume que o azucre non era necesario, porque usaban un café de alta calidade, que facía un tostador especializado. Os axustes de como se fai o café e como quentan o leite xa lle daba o toque doce que leva a evitar o azucre. Deixoume a azucreira na mesa por se non me funcionaba o sabor, pero pediume que lle dera unha oportunidade. Sentín tamén a tentación de poñer os ollos en branco? Pode. Volvín comer as miñas reticencias? Si. O café estaba delicioso e o azucre non era en absoluto necesario.

Foi así como por casualidade dos listicles da rede descubrín que o café gourmet chegara xa a Galicia. Polo momento está nun local da Coruña –non temos noticias de máis– pero posiblemente acabe indo a máis, aínda que igual que pasaba en Porto o prezo da cunca de café é superior á media do que habitualmente custa un café con leite.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *