Como vos contabamos, a nova moda no Porto son as cafeterías gourmet, as cafeterías especializadas, que funcionan como espazos de degustación de café de moi alta calidade. Se buscades en Google Maps veredes que hai moitas, moitas máis das que se podería esperar a primeira vista. Posiblemente, non paren de medrar nos próximos meses, porque o café de selección está chamada a ser a gran moda dos próximos tempos.
Tomamos café nelas e seleccionamos tres:
Bird of Passage Coffee
Rúa do Duque de Loulé 185-187
Foi a primeira destas cafeterías de novo cuño na que entrei e debo dicir que é a miña favorita. Non foi a máis cara (paguei por un café grande e un anaco de tarta uns 5 euros) e posiblemente a que me serviu o café máis rico. Un dos seus camareiros veume explicar, cando pedín azucre, que o modo no que quentaban o leite liberaba o propio azucre do leite e que era posible que non precisase de botar xa nada máis. Confeso que primeiro dubidei (tomo café con leite e moito, moito azucre) pero tiñan razón. Aquel café non precisaba nada! Estaba riquísimo.
C’alma Specialty Coffee Room
Rúa de Passos Manuel 44
Confesión: fun porque había un aviso na rúa que poñía temos café! e era unha oportunidade para entrar nun deses edificios singulares nos que habitualmente non entras.
C’alma ocupa os baixos do Ateneu Comercial do Porto, un deses espazos burgueses que parecen conxelados no século XIX.
Nas mesas tiñan unha pequena explicación das razóns polas que o seu café é “specialty”. “As cafeterías modernas poden ser confusas”, recoñecían. Aquí si precisei azucre, iso si.
Fábrica Coffee Roasters
Rúa de José Falcão 122
Tamén están en Lisboa. O máis hispter de todos estes cafés nos que estivemos. Tamén teñen brunch e comida. Posiblemente o máis lento tamén de todos en atención ao cliente (uns modernos que estaban na cola case sofren un ataque ao corazón esperando…). Teñen na entrada un espazo de venta de café e cousas relacionadas con el. E pasou o test de non botar azucre no café.