Libros para todos ou un gato vingador: as tradicións do Nadal en Islandia

Islandia é ese país pequeno nun recuncho do norte de Europa ao que sempre quero ir pero ao que sempre resulta demasiado caro chegar. Tamén é un dos sitios favoritos do scandinoir (a pesar da súa taxa de crimes bastante baixa) e un dos lugares aos que todos os fans dos libros querían emigrar. Islandia é un paraíso literario e un no que esa paixón polos libros ten un papel moi importante durante o Nadal. Unha das tradicións do Nadal en Islandia –unha ademais que é un recorrente viral para o abraiado resto do mundo– é a de mercar libros. Non só é o regalo esperado, senón que ademais é un para lelo.

A tradición ten unha historia bastante recente. Comezou durante o século XX. Durante a II Guerra Mundial o papel era unha das poucas cousas que non estaban reguladas e limitadas e, por tanto, un dos regalos posibles. Imprimir resultaba barato. Dende entón, os libros son o regalo do Nadal.

Nos meses previos as datas festivas, o país vive o jólabókaflóð, a inundación de libros (a industria editorial publica unha avalancha de novidades), e en novembro os islandeses reciben o Bókatíðindi, o equivalente en libros ao catálogo dos xoguetes. Igual que cos xoguetes, o catálogo serve para escoller que regalar. Os libros son intercambiados en Noiteboa e despois de recibir e dar os islandeses pasan a noite lendo. Durante o Nadal, as editoriais venden entre o 60 e o 70% dos libros do ano.

Esa non é a única tradición sorprendente do Nadal islandés. Tamén teñen un gato vingador. Se pensas que que che regalen un pixama ou uns calcetíns é o peor do peor, é porque non coñeces ao Jólakötturinn, o gato de Nadal. Basicamente, é un gato xigante que come a aqueles que non están vestindo a roupa que lle regalaron polas festas.

Grýla e Leppalúðison

Grýla e Leppalúðison

O gato de Jól ten unha historia máis antiga que a tradición dos libros. Como explican no Smithsonian, a súa existencia está vinculada a esas tradicións e ideas que se usan no Nadal para que os nenos teñan un bo comportamento. A tradición dicía que só os nenos bos, os que remataban pronto as súas tarefas, recibían roupa nova polo Nadal. Por tanto, se andabas por aí sen roupa nova durante as festas, sería porque non te portaches ben.

Ademais, os regalos non os traen nin Papa Noel nin ningunha das figuras que coñecemos. Son o traballo dos Rapaces de Jól, trece trolls que visitan aos nenos nos trece días previos a Noiteboa e deixan cousas nos seus zapatos se foron bos. Se non o foron, atopan patacas podres. Ata 1746, os Rapaces eran un tanto chungos e unha escusa para que os pais fixeran todo tipo de castigos cos seus fillos (unha vinganza!), pero nese ano prohibiuse aproveitar as datas para atormentar os cativos.

Se cadra, os pais islandeses só estaban seguindo o espírito dos pais dos Rapaces de Jól, Grýla e Leppalúðison dous trolls caníbales. Grýla aliméntase de nenos malos.

Fotos| Jenna Hamra en Pexels e Jennifer Boyer

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *