Unha das cousas que máis me impresionou visitando a casa de Denis Severs hai uns anos –unha fascinante casa en Londres que funciona como unha máquina do tempo– non foi nin o silencio da visita nin a experiencia de non ter luz eléctrica. Foron os olores. Aquela casa cheiraba diferente a todos os museos e cada cuarto era unha experiencia olfactiva desas que os anunciantes lles gusta chamar inmersiva. Por suposto, temos moi claro que o pasado cheiraba distinto e non a lixivia con deterxente como ultimamente parece cheirar todo en todas partes, pero por moi conscientes que sexamos diso non sabemos de verdade como ulían as cidades do pasado. Non temos eses referentes claros.
E, sen embargo, os olores son algo que cambia e que se axusta ao que vivimos, sentimos e temos á nosa disposición. Por iso resulta tan impactante o que están a facer en Odeuropa, un grupo multidisplinar de varias universidades europeas especializado na historia olfactiva europea e que está intentando recuperar os cheiros do pasado. O grupo acaba de recibir unha axuda pública para o seu proxecto ODEUROPA: Negotiating Olfactory and Sensory Experiences in Cultural Heritage Practice and Research.
Os investigadores empregarán intelixencia artificial para navegar por 250.000 imaxes y miles de textos de todo tipo (dende manuais médicos a revistas) para trazar referencias a diferentes olores. A investigación non rematará aí. Non queren simplemente saber de que olores se falaba no pasado, senón tamén como cheiraban exactamente. Tralo traballo de investigación chegará o traballo de recreación, no que perfumistas e químicos intentarán recuperar 120 cheiros do pasado. Unha vez que esas fragrancias estean creadas serán aproveitadas para axudarnos a comprender como era o pasado.
O obxectivo da investigación é que eses cheiros podan ser incorporados nas salas dos museos para facer que a experiencia sexa máis vívida. Tamén, coas conclusións na man e os datos sobre a que cheiraba Europa nos séculos pasados, poderán dar pautas aos museos e demais institucións culturais sobre como abordar as cuestión olfactivas.
A cuestión pode parecer a primeira vista unha curiosidade sorprendente, aínda que posiblemente haberá quen pense que destinar a todo iso millóns de euros (acaban de recibir unha bolsa de 2,8 millóns de euros da Unión Europea) sexa demasiado. Nada máis lonxe da realidade.
Como ben explican no vídeo no que presentan o proxecto e a investigación os seus responsables, os olores son unha parte máis da nosa herdanza cultural e unha que permite comprender moito mellor de onde vimos e o contexto no que pasaron as cousas. Os diferentes cheiros din moito sobre moitísimas cousas. Poden axudarnos a comprender a historia da saúde, da sociabilidade ou da industrialización. Tamén permiten entender cuestións como o colonialismo. Traballando para determinar que olores dominaban o pasado e como cheiraban as rúas, os pazos, as tendas ou as casas das persoas dos séculos pasados e recreándoos, lograremos “cheirar a historia”.
E, como lle explican os investigadores ao The New York Times, a crise do coronavirus acaba de dar un exemplo recente do impacto da historia nos olores. Non só a enfermidade fixo que algunhas persoas perdesen a capacidade de ulir, senón que tamén cambiou por completo como cheiraba Europa. Durante os meses de confinamento, igual que desapareceron algúns ruídos, tamén o fixeron algúns dos cheiros recorrentes nas rúas europeas.
Foto de Karolina Grabowska en Pexels