Benvidos á máquina do tempo

Alá polo final dos anos 70, Dennis Severs, un artista californiano de portentosa imaxinación, mercou unha casa con dez cuartos no que entón era un barrio non moi recomendable de Londres, Spitafields. A casa era un deses encantadores edificios xeorxianos nos que nalgún momento viviu unha familia acomodada, con criados no piso de arriba e té pola tardiña con bolos. Severs empezou a imaxinar como sería a vida dos seus habitantes orixinais, a quen el bautizou como a familia Jervis, unha familia de orixe hugonote que traballaba na seda e que se foi enriquecendo ata que no XVIII viviu con gran esplendor na casa.

E ante as pantasmas desta suposta familia, Severs non tivo máis remedio que renderse e devolverlles a casa. O artista mercou mobles de época e outras antigüidades para darlle á casa unha atmosfera acorde coa época na que aos Jervis lles tocou vivir. Trala morte de Dennis Severs, a casa converteuse nun fascinante museo. Un dos máis máxicos que poden ser visitados.

A casa de Dennis Severs non abre todos os días: só os domingos e os primeiros luns de cada mes. Os luns é cando se realizan as visitas máis impresionantes. A luz eléctrica apágase e a casa abre as súas portas ás seis da tarde, cando está caendo a noitiña, para que os visitantes, previa cita, a percorran á luz das candeas. Unha vez dentro está prohibido usar o móbil ou falar, polo que a sensación de estar percorrendo unha casa allea (e antiga!) en soidade mantense a pesar de que a visita ten toda a pinta de ser un éxito de público.

Luz de candeas, mobles de época, ambientes perfectamente recreados nos que non existe nin un só panel explicativo (Severs quería que xogásemos coa nosa imaxinación para crear unha historia sobre o que se estaba vendo) serían suficiente para estar ante unha visita moi interesante. Pero non é o único que se atopa o visitante. A casa está tal como se a familia Jervis vivise aínda alí. Os visitantes somos voyers que entramos no momento xusto no que eles deixaron todo a correr. Na cociña están o té a medio preparar, no cuarto os criados aínda non tiveron tempo de recoller o ouriñal no que o señor tivo que aliviarse pola noite e tampouco de facer a cama, na habitación da filla a invitación a un baile quedou prendida no espello e no salón alguén derramou a metade da súa cunca de té. A visita é impresionante, porque é altamente sensorial. Só hai que aspirar e identificar os olores de cada cuarto e de cada momento do día.

A casa non está anclada no tempo: non é unha casa dunha única época, senón que permite adiviñar como foi mellorando a fortuna dos Jervis ao longo dos anos. A sala burguesa da planta baixa, con fotos, é o final da familia, alá polos anos finais do século XIX. O principio da historia está arriba, baixo o tellado, nunha habitación que cheira a repolo, a humidade e a pobreza.

Todo está vivo e en calquera momento semella que vai a entrar o seu lexítimo propietario, o señor Jervis, e botarnos a todos os que fisgamos nas súas cousas. Por haber, hai ata unha gata negra que percorre a casa de arriba a abaixo e de abaixo a arriba sen preocuparse moito polos silenciosos visitantes que a visitan. Madge, que ese é o seu nome segundo nos explica Mick Pedroli, o house manager, non é a primeira gata en habitar a casa de Dennis Severs, que sempre tivo un gato negro percorrendo o lugar.

Madge tampouco é a única habitante da casa. Ademais dos Jervis, Jim, un veciño de Dennis Severs, vive agora no lugar. Mudouse pouco antes de que Dennis Severs morrera, para coidalo e axudalo xa que estaba enfermo, e quedou tralo seu pasamento, vixiando que a casa manteña a atmosfera tan sorprendentemente realista que Dennis Severs conseguiu crear.

A casa de Dennis Severs non só é o lugar máis fascinante e sorprendente para visitar en Londres, senón que é tamén escenario de shootings para revistas de moda, escenario para documentais históricos e, claro está, unha desexada localización para filmes de época, como por exemplo ‘The Crimson Petal and The White’ (unha moi recomendable miniserie da BBC).

*Máis datos sobre a casa na páxina da casa

Fotos | Roelof Bakker (cortesía da Dennis Severs’ House)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *