Teatro inmersivo: tocar, camiñar e sentir aos personaxes

Hai que ir ao teatro para ver teatro? É preciso sentarse nunha butaca, apagar o móbil, mirar ao fronte e escoitar en silencio? Pode ser que xa non, que o teatro xa non teña que ser clásico e que lanzarse a facer cousas diferentes teña – e moito – percorrido. Matar o clásico e innovar con cousas distintas é un básico para chamar a atención e unha garantía de éxito á hora de converterse nunha parada obrigada. Os museos xa rachan coa museística tradicional (a casa de Dennis Severs en Londres é un bo exemplo) e outro tipo de eventos e industrias culturais empezan a cambiar tamén de punto de vista. A arte pode ser efémera e o teatro…  inmersivo.

Iso é o que fai, en parte, a obra? montaxe? instalación? Sleep no more, que é unha das cousas das que todo o mundo fala en Nova York (tanto que un capítulo de ‘Gossip Girl’ emprega a obra como elemento na trama). A obra ten como escenario o McKittrick Hotel, un luxoso hotel de Nova York que foi inaugurado en 1939. O estoupido da II Guerra Mundial arruinou aos donos e, de paso, ao hotel, que viviu o esquecemento ata que foi recuperado para o mundo do espectáculo. O hotel era unha ruína deliciosa e foi reconvertido no escenario para unha adaptación de ‘Macbeth’. Todo o hotel forma parte do espectáculo. Cada habitación é un momento da historia. Os visitantes van entrando en grupos e por tandas durante a noite, co rostro oculto con máscaras venecianas (o que lle da un toque aínda máis inquietante e fascinante á experiencia) e percorren os corredores e os cuartos do hotel abandonado atopando aos actores da traxedia.

A obra tráese ata os gloriosos e estilosos tempos de Entreguerras e os asistentes asisten a toda a decadencia estilosa e chic da época. Falar está prohibido durante a representación, pero pódese fochicar nos mobles e nas esquinas e achegarse tanto como se queira aos actores. É un “espectáculo delicioso para o voyeur”, segundo o The New York Times.

A experiencia é completamente diferente ao habitual e fai de sitios inesperados o espazo para atopar a arte. En 2009, en Madrid, recuperouse un antigo bordel da en revival entón rúa Ballesta (hoxe, o epicentro do SoHo madrileño, Triball) con representacións teatrais nos diferentes cuartos do antigo prostíbulo. A experiencia tivo moito éxito e agora é Teatro por Dinero, un conxunto de micro-obras que poden ser vistas á carta aínda que sen o exótico da ubicación.

Aínda así, o teatro inmersivo non é algo moi habitual en España (e menos por estes lares), aínda que nos países anglosaxóns é máis sinxelo atopar unha obra con esas características. En Dublín, por exemplo, ‘Laundry‘ recolle a terrible historia das mulleres vítimas das irmás da Magdalena empregando esta mesma técnica.

Os ingredientes non son moitos nin moi complicados: hai que facerse cun lugar impactante, unha boa historia e actores con talento. E tras abrir as portas… que comece o espectáculo.

Foto | Sleep no more

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *