8 restaurantes para viaxar polo mundo sen saír de Vigo

Neste ano raro-raro, o verán promete ser igual de raro-raro. A tempada é, para moitas de nós, o momento das vacacións e de facer grandes viaxes (ou pequenos, pero viaxes). Este ano, sen embargo, o de viaxar parece un tanto complicado. Xa non só o peche de fronteiras fai que todo sexa máis difícil, senón tamén un certo temor (obvio) aos picos posibles do coronavirus.

E se viaxar polo mundo parece complicado, quedará facer turismo de proximidade. Este será o verán da staycation! Será o momento para redescubrir os museos de onde vivas ou dos lugares próximos e os de facer visitas polas rúas polas que pasas sempre sen ser moi consciente do que tes diante. E, para crear a ilusión de estar noutros lugares, sempre se pode botar man dos restaurantes. Se hai uns anos a oferta era moito máis limitada en termos de sabores, agora é moito máis doado atopar restaurantes de todo tipo para viaxar polo mundo sen saír da cidade.

Neste caso, percorremos algunhas das ofertas dispoñibles en Vigo.

Creperie Bretonne Annaick

Urzaiz, 47

É un clásico e non vos estamos a descubrir a pólvora. Somos conscientes. Pero é a nosa creperie favorita da cidade: teñen crepes de sarraceno e iso é unha confirmación de que son crepes bretonas “de verdade”. Moi ricas.

DaMario Trattoria Siciliana

Rúa Roupeiro, 5

Está nunha rúa sen moito atractivo e nesta redacción foi descuberto polo clásico método da recomendación persoal. É un must agora. A comida italiana parece xa demasiado mainstream, pouco glamurosa nunha lista de comidas do mundo. Non caiades nesa trampa! Este italiano en concreto (siciliano) está riquísimo e é barato.

Tandoori Mahal

Av. da Atlántida, 98

Antes de que abrira este restaurante, o máis próximo de comida india estaba en Valença (que ben o buscamos un día de desesperación no que queriamos un tikka masala). Pratos clásicos de cociña india (que é o que esperas, ao final) nun local nada céntrico (pero con espazo para aparcar e con parada do Vitrasa ao lado). Na nova normalidade teñen servizo a domicilio.

Rokuseki

Canceleiro, 24

Vale, aínda non o probamos, pero está na nosa lista de cousas que queremos facer. Foi unha das últimas aperturas na zona de Canceleiro – Rosalía de Castro (que só mo parece a min ou estase enchendo de sitios de hamburguesas?) e é unha barbacoa xaponesa. Non vaiades a por sushi! Todo é carne! O sitio é moi pequeno, así que mellor reservade.

Thai Market

Montero Ríos, 18

Vale, confesión: para min perdeu a emoción que lle tiña nos primeiros tempos. E vale, quizais sexa un pouco non moi auténtico. Pero é a única opción de comida tailandesa e aquí somos moi a prol da comida asiática.

Kero

Castelar, 6

Sobre este restaurante de comida peruana falounos unha achegada á redacción que dixo que estaba todo marabilloso e que lle deran unha das mellores sobremesas do ano. Describiumo como comida tradicional pero cunha volta.

Tostón Bistró

Darío Álvarez Blázquez, 1

Se o anterior ten todo o aspecto de ser o clásico restaurante de, na clasificación do meu pai, “poquito pero ben”, Toston Bistró é un achegamento máis “popular” á comida latinoamericana. Teñen arepas, tostones e tequeños, pero non só apostan pola comida venezolana (tamén teñen algunhas cousas de tradición estadounidense, por exemplo). Están nunha desas rúas laterais polas que nunca pasas que saen de Policarpo Sanz.

Taquería Sierra Madre

Rúa de Alfonso XIII, 12

Esta recoñezo que non é unha recomendación propia, que a comida mexicana e máis eu temos, por desgracia, unha relación complicada. Non é o único mexicano de Vigo, dinos a nosa fonte, e outros teñen máis variedade de pratos, pero este ten sen dúbida os mellores tacos.

Na lista das comidas do mundo dispoñibles en Vigo nesta nova normalidade xa non está Chao Da, un restaurante de comida de rúa do sur leste asiático que anunciou en Instagram que pechaba (o que nos parece unha mágoa!).

Á lista poderíanselle sumar sen embargo outras entradas (e por suposto podedes sinalar nos comentarios as vosas recomendacións persoais). Agora que a comida hawaiana está a asentarse como o novo hype do momento tamén están aparecendo os restaurantes de pokes. Nós temos fichados dous (un en Rosalía de Castro e o outro en Oporto), aínda que non probamos ningún. Tampouco probamos pero sabemos que existen un restaurante portugués (en avenida do Fragoso) e un filipino (en Torrecedeira).

Foto | Vincent M.A. Janssen en Pexels

Shares

1 comentario

  • DPN di:

    Había un etíope tamén en Urzáiz á altura da estación de tren, máis ou menos. Espero que non pechara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *