Brød Kaffe, almorzos de inspiración escandinava en Vigo

Estamos na redacción de Disquecool un pouco obsesionadas cos almorzos e coas merendas? Pode ser. Pode que xa se desmentira iso de que o almorzo é a comida máis importante do día, pero ninguén debería dubidar que é a máis rica. Amamos o almorzo en todas as súas variantes, brunch incluído.  E é neste punto onde hoxe traemos unha proposta, a de facer brunch escandinavo.

Detrás da idea está o Brød Kaffe, unha das aperturas en Vigo nestes últimos tempos. Vaia por diante que o Brød Kaffe non é só un lugar para almorzar: ademais de brunch tamén teñen almorzos-almorzos, picoteo, como din no seu perfil en Instagram, e ata pratos para comer ao mediodía. Todo está, iso si, conectado coa cociña escandinava. «A cociña escandinava na nosa carta vese en pinceladas. Non é que toda a nosa carta estea baseada nesa cociña. Collemos o que nos gustaba da cociña nórdica e adaptámolo aos gustos», explícanme dende o café.

Así, por exemplo, empregan nos seus pratos «afumados, encurtidos, moitos froitos secos e froitas vermellas, porque son cousas moi representativas dese tipo de cociña, aínda que tamén son significativos aquí». O interesante é que no Brød Kaffe coidan de xeito especial este tipo de produtos. Eles mesmos marinan o salmón ou fan as marmeladas que serven.

Todo isto lles permite ofrecer unha experiencia que é un tanto distinta ao que é habitual nas cartas deste tipo de sitios en Vigo.  Ademais, e isto é especialmente importante, contan con produtos feitos sen azucre, sen leite e sen glute (e aptos para xente celíaca).

Como me explican, querían ter unha filosofía de produto con «materias primas de calidade e non manipulalo demasiado». É «unha aposta sinxela, pero con combinacións sorprendentes para o padal». Conectar coa cociña escandinava ten moito que ver con estes puntos fundamentais da súa filosofía de traballo, porque lles interesaba esa filosofía do norte de gozar coas pequenas cousas.

Ademais dos pratos salgados, no Brød Kaffe tamén hai oferta doce (que menos cando vas facer brunch!), da que se encarga Mrs Robinson. Mrs Robinson é un dos nomes detrás do Brød Kaffe (o outro é o de Choubisnesfood) e tamén unha pequena bakery no Casco Vello vigués (xusto ao lado da biblioteca) á que na redacción tamén estamos bastante enganchadas.

Brød Kaffe está na Rúa de Ramón y Cajal, 15, e abre de mércores a domingo polas mañás e mediodías

Fotos | Brød Kaffe

Shares