Tira do cable: o mundo vía Vigo

Cable inglés

Sabías que Vigo foi, quizais, o primeiro punto de España onde se xogou ao tenis de mesa? Coñecías o feito de que na I Guerra Mundial houbo espías británicos apostados na cidade? Escóitaste, por casualidade, algunha vez o nome do Cable inglés?

Probablemente non, e nesta cidade e nesta rexión, onde adoitamos dar por sentado que hai cen anos todo chegaba de Madrid ou Barcelona, ignoramos que  noticias como as guerras coloniais francesas chegaron antes a Galicia que ao resto do continente. Como? A través dos cables telegráficos submarinos da Eastern Telegraph Company -aVía Vigo maior empresa telegráfica do mundo- que unían Vigo con Inglaterra e Portugal (e de aí ao resto do mundo) entre 1873 e 1969. Vía Vigo entraba toda a información proveniente da extensión oriental e tamén de Sudámerica.

Recuperar a historia dese cable inglés (cuxa existencia case todos descoñeciamos) é o obxectivo do proxecto Tira do cable, que xurdiu case case de casualidade. Así, a cooperativa cultural O cable inglés, que tomou o nome dese episodio da nosa historia, decidiu que xa que lle roubara o nome, podía facer algo para dar a coñecer a fascinante historia do cable telegráfico en cuestión, e así chegaron ata Cabanelas, un historiador que xa recabara moita información sobre o tema, semellaba que toda a que había. E sen embargo, un día, charlando cun amigo, descubriron que o avó dese rapaz fora técnico na compañía inglesa e que no faiado da súa casa aínda se atopaban varias películas con imaxes do cable inglés. Por iso decidiron facer de Tira do cable un proceso divulgativo, pero tamén participativo, pedindo a calquera que soubese algo, que tivese material gráfico ou información, que sumase a súa achega a través da páxina web.

Marian Fernández, unha das socias do Cable Inglés, insiste na necesidade de recuperar un episodio histórico que tivo gran importancia no seu momento. Vigo foi o porto elixido para recibir o cable inglés basicamente por cuestións técnicas, pero esa decisión resultou de gran transcendencia política e social no seu momento. Por que? Porque Vigo era a cidade pola que entraba a maior parte da información “inmediata” nun mundo sen teléfonos nin internet. Así, todos os acaecementos mundiais pasaban por Galicia e ás veces, quedaban varios días aquí (aos británicos gustáballes reter aquí a información das colonias francesas, por exemplo). De feito, hai recortes de xornais galegos da época que dan conta de como moitas desas novas se filtraban á prensa, e polo tanto, á sociedade galega en xeral.

Pero cando o cable inglés era aínda máis transcendente era en época de guerra. En tempos de guerra (I e II Guerra Mundial, Guerra Civil Española) cortábase e a comunicación para evitar fugas de información, e na I Guerra Mundial houbo varios traballadores da compañía que eran tamén espías; o máis coñecido deles foi Mr. Mann, que era visto frecuentemente de excursión costeira en busca de sinais da presenza de submarinos alemáns.

Instalacións do cable inglésAínda que a maior influencia do cable inglés en Galicia foi na vida de sociedade. Con numerosos traballadores ingleses (mozos novos e solteiros na súa maioría) vivindo na cidade de Vigo -que daquela aínda era case unha aldea-, o intercambio cultural facíase inevitable, e na época, dicíase que na cidade de Vigo ata as mozas de servir sabían falar inglés. En fin de ano, as familias mellor acomodadas da cidade eran invitadas á cea-baile que se celebraba nos victoriáns salóns da residencia da Eastern Telegraph Company. Nesa residencia en cuestión, servíase cervexa e viño porto e contaban con canchas de tenis e  campos de fútbol, bebidas e deportes que a sociedade viguesa acolleu con entusiasmo (e aquí quedaron). Unha anécdota conta ademais, que en plena II Guerra Mundial podíase ver competir aos equipos da compañía de telégrafos alemana e inglesa nos campionatos de fútbol da cidade.

Moitas máis anécdotas poderemos saber o próximo ano, cando o investigador Jose Ramón Cabanelas publique un libro sobre o tema, que se acompañará dunha exposición con todo o material recompilado ata o momento. Pero para recompilar ese material fai falla a colaboración de todos nós, conformando a historia do cable inglés dunha forma aberta e participativa. Pois quen sabe quen pode ter esquecidas no seu fajado unhas fotos dos buques tendendo os cables submarinos.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *