O teu novo obxecto de desexo é un smartphone circular e victoriano

equipo do Monohm, o teléfono anti-smartphone redondo

“Na era victoriana, sacar o reloxo do peto e miralo de forma disimulada era unha forma sútil de dicirlle á persoa coa que estabas que xa era tempo de rematar a conversa”, explica Jason Proctor, un dos cofundadores de Runcible. Non estamos nun encontro de historiadores que falan de como eran as cousas na Inglaterra do século XIX. Aínda que non o pareza, estamos no Mobile World Congress vendo o que posiblemente sexa o dispositivo máis orixinal de toda a feira. Na era da conectividade sen fronteiras, tres californianos amosan o seu pequeno xoguete, todo un atrevemento entre Galaxys S6, smartwatches e paos para selfies. O seu xoguete chámase Runcible e é un smartphone victoriano, un anti-smartphone. E é circular.

equipo do Monohm, o teléfono anti-smartphone redondo

George Arriola, cofundador e xefe de producto de Monohm

Por onde empezar? O pequeno dispositivo é tan cool que logrou atraer a atención de todos os medios tecnolóxicos aínda que os seus responsables nin sequera tiñan un stand propio. Andaban polo de Mozilla, por iso de que Runcible leva Firefox OS, e moitas veces estaban directamente tirados nun dos corredoiros do MWC, escribindo no chan co ordenador sobre os xeonllos ou falando cos xornalistas que nos achegabamos e abríamos a boca de emoción ao coller o Runcible: redondiño e suave, coma un reloxo de peto, coa parte de atrás de madeira (na época do metal!), unha desas cousas que queres ter. Aínda que non sirva para nada.

Pero si que fai cousas. Ademais de salvarnos desta condea moderna a vivir constantemente conectados (Runcible non molestará con notificacións), quere devolvernos a ese pasado que nos facía felices. “Inspirámonos nas cousas que lembramos con cariño da infancia”, conta George Arriola, outro dos cofundadores e que no seu CV ten cousas como ter sido responsable do deseño da PlayStation 4 de Sony. “Pensamos nos reloxos de peto, nas brúxulas, e tampouco queríamos esquecer ás mulleres. Notamos que moitos dos dispositivos actuais son como moi masculinos, nós quixemos asegurarnos de que fose totalmente unisex, pensando tamén nos estuches dos polvos de maquillaxe, por exemplo”.

equipo do Monohm, o teléfono anti-smartphone redondoO Runcible dalle unha volta a todo iso ao que estamos afeitos. A súa pequena cámara fará fotos e vídeos redondos (e queren que se poida enfocar xirando o dispositivo no aire, coma se fose o obxectivo dunha cámara). No canto de mapas, favorece a exploración amosando só unha frecha a modo de brúxula que nos vai dicindo cantos metros temos que camiñar en determinada dirección. Ten moitos deseños de reloxo, todos inspirados nos antigos peto que xa están esquecidos.  Podería utilizarse a modo de lupa para ler textos en papel.

Todo isto non significa que o Runcible estea totalmente desconectado. Podes meterlle tarxeta SIM e facer e recibir chamadas, ademais de conectarte ao wifi ou a Bluetooth. A idea é tan só intentar que esa conectividade non sexa o prioritario. Que estea aí cando a necesites, pero que sexa só un complemento, un accesorio á vida de verdade. Invita a prestar atención ao mundo que nos rodea, á xente coa que estamos. O deseño circular axuda un pouco a isto, xa que a pequena pantalla non é a máis cómoda para mirar Facebook ou ler webs. E todo isto é deliberado.

equipo do Monohm, o teléfono anti-smartphone redondo

George Arriola, Jason Proctor (cofundador e xefe de tecnoloxía) e Aubrey Anderson (cofundador e CEO)

Veremos algún día o Runcible no mercado? Poderemos ir cun destes anti-smartphones no peto e ser os hipsters máis hipsters do noso entorno? Os seus creadores, os tres californianos detrás da empresa Monohm, esperan poder empezar a vendelo a finais de ano. Iso si, o prezo posiblemente sexa o equivalente ao dun smartphone de gama alta. A cambio, serás o máis anacrónicamente moderno dos teus amigos. E teñen pensado que a carcasa poida ser cambiada e accesorios coma cadeas para o peto ou cintas de coiro. Quizais sexa mellor empezar a aforrar. Porque os smartphones rectangulares son demasiado mainstream.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *