Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

É xa o segundo ano que estamos no Mobile World Congress (eu, o noso fotógrafo Andrés Fraga vai xa polo terceiro) e pouco a pouco imos collendo experiencia e evitando repetir os erros típicos dos novatos. Ás veces é imposible e atópaste atrapado nun autobús demasiado cheo por decidir ir á mesma hora que todo o mundo, pero na maior parte dos casos as cousas son máis sinxelas. Sobrevivir a unha feira tecnolóxica é fácil, si, pero non é tan doado pasar por ela como se foses o rei ou raíña dos halls, reducir o esgotamento aos mínimos, e saír co estómago cheo sen ter pagado un céntimo.

1. Bebe café. Este é un tema de integración, máis que nada. En moitos dos stands ofrecen café gratuíto e estaría mal rexeitalo. Ademais, é necesario tamén para estar todos os días ao 100%, especialmente cando vas arrastrando varias xornadas de deitarte tarde (porque isto sempre remata en festa) e erguerte cedo. E é o que fai todo o mundo por aquí, así que xa sabes. Donde fueres…

Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

2. Toda superficie pode ser unha cadeira ou unha mesa. Isto aprenderalo de seguido. O primeiro executivo traxeado tirado no chan co portátil sobre as pernas será un shock. Iso que fas ti nos aeroportos, iso que facemos os máis novos e pobres, está a facelo un tipo que seguramente gañe moitos millóns ao ano! Ao cabo de dez minutos estarás xa afeito á visión e non che parecerá nada estraño. Aprenderás tamén a usar o chan, as escaleiras, ou algunha barra estrutural como cadeira e a vivir co ordenador sobre os xeonllos.

3. Aprende a colarte nas áreas de hospitalidade. Este é un tema delicado. As compañías máis grandes teñen a súa zona de exposición aberta a todo o mundo que vai pola feira, quizais unha zona de prensa, para xornalistas (aquí hai sempre moito café), e despois unha “hospitality area” de acceso máis restrinxido. Tes que aprender a entrar. Como? Probando. Dependendo do teu pase, poderás entrar nalgunhas ou non (é o caso da xente de prensa), pero despois está tamén o factor “morro”. Se che preguntan se estás invitado, di con seguridade que si. En moitas entrar é así de fácil. Se non podes pasar, inténtao no seguinte stand. Por estatística, acabarás entrando. Axuda tamén facerte amigo dalguén da compañía. Que hai ao outro lado? Normalmente moitos homes traxeados e, o máis interesante, comida gratis. É tamén o lugar no que facerse o encontradizo cos CEOs.

Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

4. Evita as horas punta. De verdade tes que ir ao congreso xusto á hora á que abre? Normalmente, non. Podes chegar algo máis tarde ou madrugar un pouco e ser dos primeiros que está aí. O mesmo para marchar: quédate ata que sexas das últimas persoas se non queres ter que facer unha cola enorme para conseguir un taxi ou ver como varios autobuses pasan pola parada sen parar porque xa non cabe ninguén máis dentro.

5. Leva calzado cómodo e roupa por capas. As feiras deste tipo consisten en camiñar a modiño, parando cada pouco a mirar cousas. Sabes como rematas cando vas a un museo e pasas un par de horas dentro? Pois imaxina esa dor de costas multiplicada por seis horas. Para evitar acabar morto xa á hora de comer, leva calzado cómodo e intenta sentarte de cando en vez. En canto á roupa, as capas son a resposta. Nalgúns momentos terás calor, e noutros entrarás en lugares co aire acondicionado a tope.

Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

6. Pregunta e próbao todo. O mellor deste tipo de feiras é que podes toquetear e probar todo tipo de gadgets que doutra forma é moi probable que nunca fosen a estar ao teu alcance. Por caros, por raros e que non vas mercar porque non ten sentido, porque son prototipos que nunca chegarán ao mercado… Aproveita agora! En moitos casos, ademais, a persoa encargada de explicarte as cousas será o seu creador, o que fai que todo sexa máis interesante.

7. Entérate dos concursos e participa. O premio é o de menos. Hai de todo, desde smartphones que podes gañar por bailar (pasaba o ano pasado no stand de Nokia) ata bolígrafos que gañas a cambio de facer o ridículo probando algunha tecnoloxía punteira. Que importa? O mellor é volver para casa coa maleta chea de regalos tontos, bolígrafos de todas as compañías, cadernos, peluches, chapas, pins e, se hai sorte, teléfono ou tablet novos!

8. Pásao ben! Hai xente que vén aquí a pechar tratos millonarios, a ter reunións importantes, a facer contactos. Eles quizais non o pasen tan ben (aínda que é sorprendente moitas veces ver a executivos lanzados a bailar ou facer parvadas a cambio dun boli), pero ti debes facelo. É doado, non creas. Pasear, tocar, probar, falar coa xente, e despois pillar algunha happy hour desas que empezan ás 4 da tarde e facer amigos.

Pequena guía para sobrevivir a unha feira tecnolóxica

 Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *