O cambio de imaxe está xa moi en marcha e a xente metida no mundillo da industria tecnolóxica empeza a rumorealo en voz baixa. “Está Microsoft a volverse cool? Que está a pasar?”. No Mobile World Congress 2015, onde estamos un ano máis buscando cousiñas frikis e divertidas (a iso vimos todos os que non imos dar apretóns de mans que pechen acordos de millóns de euros), presentaron as últimas novidades do que están a facer enfocado a ese mundo tanto ao consumidor persoal coma ao de negocios. Nada que non soubésemos, pero todo bastante atractivo.
Empecemos, claro, dicindo que nós, pese a ser usuarios de Mac rendidos para sempre, no terreo móbil sempre fomos de Nokia. Tivemos moito medo cando Microsoft mercou a parte de móbiles dos fineses, pero están a manter a filosofía bonita e práctica. Na conferencia de prensa no MWC 2015 saíu Stephen Elop (o tipo de Microsoft ao que mandaron a ser CEO de Nokia e que, casualmente, fixo o acordo de venda) e falou de todo iso que os está a facer felices. Windows 10, que será o único sistema operativo de Microsoft (para todas as pantallas, desde o móbil ata a pantalla de 84 pulgadas Surface Hub que ensinaron), e que intenta así atraer aos desarrolladores de apps: as vosas aplicacións estarán en todas partes! non só nos smartphones con pouca cota de mercado, tamén nos ordenadores Windows que seguen a ser os reis!
Houbo anuncios, por suposto. Microsoft presentou os novos Lumia 640 e Lumia 640 XL (porque se non hai versión grande non mola), que seguen a liña do resto dos modelos: en cores chamativas (Elop fixo a presentación cun azul bromeando que, por se alguén tiña dúbidas, era efectivamente azul, non negro nin dourado), cun deseño bonitiño e divertido. Veñen con Windows Phone 8.1, pero serán actualizados a Windows 10. E, para atraer á xente, hai moitos extras: todos os que merquen os teléfonos (que van dos 139 aos 219 euros) terán tamén un ano de suscrición gratuíta a Office 365 máis unha licencia para PC ou tableta, un tera de almacenamento en OneDrive, e 60 minutos mensuales de Skype.
Microsoft aproveitou tamén para anunciar un teclado plegable moi bonitiño, dirixido claramente ao sector empresarial que cada vez traballa máis desde o móbil e ao que, por suposto, Microsoft non quere perder. A mensaxe parecía ir sempre nesas dúas direccións: molamos e somos cool, pero seguimos a ser esa compañía na que podes confiar para o teu traballo, para facer que todos sexamos máis productivos. Ademais do teclado, tivemos tamén demostración do Surface Hub, unha pantalla monstruosa de grande (84 polgadas) que é en realidade unha lousa intelixente: podes escribir nela cun punteiro, editalo todo, abrir aplicacións, etc. O intento de Microsoft de meterse en todas as salas de conferencias do mundo.
Cando apareceron as HoloLens na pantalla os nosos corazóns empezaron a latexar un pouco máis forte. Trouxeron as gafas? Poderemos probalas?? Desafortunadamente, non. Vimos só un vídeo moi chulo sobre todo o que fan as súas Google Glass, que din os que as probaron que son moito mellores, pero nada máis. De momento, a pantalla é o único lugar onde as veremos.
Para todos os que estades a preguntarvos por que diaños viñemos ás 8:30 da mañá a unha conferencia de prensa de Microsoft e por que non estivemos onte na de Samsung, aquí vai a resposta máis hipster. Se falamos de dispositivos móbiles, Samsung é moi mainstream. Nós somos dos minoritarios, de Windows Phone. E non, Microsoft non nos paga.
Fotos | Andrés Fraga
Microsoft leva tnt tempo sendo denostada que é posible que empece a ser cool…