O novo Facebook: 2 pequenos acertos e 1 grande erro

wantedA estas alturas xa deberíamos estar afeitos: Facebook (ou calquera web á que sexamos asiduos) cambia o seu deseño e todos gritamos con horror. Non entendemos nada, non atopamos o que buscamos, e ademais todo parece máis feo. Non obstante, un par de semanas despois (como moito) xa aceptamos as novidades como normais e non lembramos nin como era aquel deseño que tanto nos gustaba.

Desde onte algúns usuarios de Facebook (aínda non todos) volvemos a estar nesa situación: a nosa rede social cambiou e xa non hai quen se decate das cousas. Que é ese apéndice que lle saíu ao chat na parte de arriba cando aínda non estabamos de todo afeitos a iso de que nos amose a contactos que non están conectados? Por que son de súpeto todas as fotos tan grandes? E, sobre todo, por que a orde cronolóxica xa non lle parece válida ao señor Mark Zuckerberg?

Tras pasar a necesaria fase de ira, o que logrei ao servir o meu perfil de campo de probas e que estivese xa co novo deseño a pasada fin de semana (cando o luns volveu todo á normalidade crin que se decataran dos erros e deran marcha atrás, pobre ilusa!), puiden levar a cabo un rigoroso exame do novo Facebook e chegar a unha conclusión: hai máis acertos ca erros, pero os primeiros son máis pequenos que o segundo. E non é só a miña opinión. En Mashable están a preguntar aos usuarios a súa opinión sobre o novo deseño, e na hora na que escribo isto (1 da mañá) a un 13,84% dálle igual, a un 13,39% encántalle, e un 72,77% ódiao. Aquí van as razóns.

Os dous (pequenos) acertos

– Presentación de fotografías. Este é o acerto obvio: non hai moito que obxectar ao feito de que agora o muro amose as fotos que os nosos contactos suban á rede de forma máis grande e vistosa. Ao fin e ao cabo, o que fai a maior parte da xente en Facebook é, cando consegue saír dos Sims Social, ver as fotos dos seus amigos (ou coñecidos e descoñecidos co Facebook aberto).

Fotos Facebook

– O ticker ou, para os alleos á nova xerga facebookiana, o apéndice que ten agora o chat pola parte de arriba. Esta novidade contará co favor inmediato dos máis cotillas, xa que permite coñecer “en tempo real” que están a facer os nosos contactos. “Pero iso xa o víamos antes no muro”, pensarás. Non, xa que o ticker vai máis aló: ademais das actualizacións clásicas, no ticker verás tamén os comentarios que deixan os teus amigos en fotos ou enlaces ou estados de xente á que ti non coñeces. E se pasas o rato por riba das actualizacións, abrirase unha ventá que verás a información completa (as imaxes, comentarios, “gústame”). Espiar na vida dos teus amigos nunca fora tan doado!

Ticker Facebook

Por que dicimos que é un acerto? Por unha razón moi sinxela: non é intrusivo. O ticker mostra demasiada información que quizais non che interese, pero non supón ruído no teu muro, non tes por que facerlle caso. O que aínda non puidemos comprobar é se os controis de privacidade funcionan: é dicir, se actualizo o meu estado elixindo que só o vexan os meus amigos, e algún amigo comenta, poderán os seus contactos (que non sexan meus) ver no ticker ese comentario e a miña actualización?

O (grande) erro: as top stories

Posiblemente ao final pase coma sempre e acabemos por aceptar esta reorganización dos nosos muros, pero sen dúbida será a novidade que máis odio esperte entre todos os usuarios. Por que, Mark? Por que cres saber que cousas son máis importantes para min? Que che fai pensar que non me gusta que o meu muro vaia sinxelamente do máis novo ao máis vello? O equipo de Facebook sabía que se enfrontaba a estas preguntas e preparou a resposta: temos que pensar no noso muro coma nun xornal persoal no que as cousas aparecen ordenadas por importancia. O problema é, claro, que na era de Twitter e o RSS, o de que nos digan que é importante e que non o é tanto xa non é algo que apreciamos.

Top Stories Facebook

Ben é certo que a intención desde un punto de vista organizativo podería ser lóxica: moitos usuarios teñen demasiados “amigos”, están subscritos a medios de comunicación e son fans de demasiadas cousas, e agora, ademais, podemos subscribirnos tamén ás actualizacións públicas de xente que non temos como contacto. Estamos saturados. Pero que ordenen as cousas por nós non acaba de parecer a solución axeitada. Polo menos poderían darnos a escoller: queremos un muro cronolóxico ou con top stories?

Quizais nuns días xa teñamos esquecido o trauma, pero deixádeme dar un consello aos que aínda tedes o perfil antigo: desfrutade mentres poidades.

Fotos | Facebook e David Berkowitz

Shares

4 comentarios

  • En principio deberiamos pensar que os cambios se fán para millorar, pero no caso de Facebook as veces entrane claras dúbidad. Asi como fai uns anos deron un cambio radical para simplificar maís o seu deseño, pouco a pouco estan boltando o Facebook de fai 3 anos no que era todo un caos.

    E o de que eles decidan que te importa do teu timeline, paréceme moi pouco 3.0

  • Entendo que han de facer cambios de cando en cando para que uso da rede vaia recuperando o ímpetu que tiña, pois penso que últimamente a xente xa non pasa tanto tempo no facebook ou úsano a través do móvil para mandarse mensaxes e pouco máis.. teño a impresión de que deben andar toleando pensando como darlle outro impulso..
    Saudos!
    http://www.facebook.com/OitentaEdiciones/

  • Fotografía de avatar Ana di:

    E tanto, os cambios que anunciaron esta tarde son xa moi importantes, moito máis que os de este post…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *